"Para todos os gustos, para todas as eades e gratuítas". Ese sinal que os medios de comunicación locais teñen aprendido é a filosofía da programación festiva do Concello pontevedrés. Como non podía ser doutra forma as festas de verán son reflexo desa intención que, salvo uns anos de parénteses, leva aplicando a concelleira de Festas Carme da Silva. Unha responsabilidade, por certo, que interpreta como "unha das cousas máis gratificantes que lle pode pasar a unha concelleira".
Outrora o "día cero" era San Benitiño, a día de hoxe o comezo desta programación xa se adianta a xuño con outra multitudinaria cita, o Surfing the Lérez e conclúe no mes de setembro coa Feira Franca. Ao longo destes meses vanse sucedendo ao redor de trescentas actividades, con sete días de especial intensidade como son as Festas da Peregrina que comezarán o día 12. Unha Semana Grande para a que "contamos cun gran equipo que é un luxo".
Equipo no que se implican, ademais do persoal municipal, numerosos colectivos da cidade. Claro exemplo diso é a Feira Franca que este 2017 cumpre dezaoito anos. Un percorrido no tempo, que con todo non significa deixar de tutelala: "necesita un esforzo continuo e constante por parte do equipo municipal e os colectivos sociais que participan. Unha festa como esta corre un risco enorme de descontrolarse e converterse no que non se desexa", comenta da Silva neste Cara a cara de PontevedraViva Radio.