Quedadas para cantar en masa nas prazas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Despois da boa acollida entre o público dos Cantos de Taberna empezaron a xurdir grupos de canto polas distintas parroquias e barrios da cidade. De feito xa hai un local que, sen ter nada que ver o Concello, organiza as súas propias quedadas para entoar o cancionero popular.
Agora, a Concellería de Festas modifica o programa en marcha de Cantos de Taberna para incluír outra actividade, a nova proposta chámase "Aquí cántase". Trátase dun programa que empeza agora e termina en agosto.
A partir do mes de abril nos centros culturais de Lérez, Salcedo e O Gorgullón, a asociación Maravallada desenvolverá uns obradoiros de canto abertos a toda a cidadanía para "aprender a cantar en grupo".
Nos próximos meses terán lugar estes ensaios e durante a semana grande das festas da Peregrina toda esta xente cantará xunta en distintas prazas do centro histórico, unha idea que bautizaron como os "Supercantos". Posiblemente algúns dos escenarios elixidos sexan as escaleiras de San Francisco na Praza de Ourense, diante do Teatro Principal, e diante do Museo na rúa Celso García de la Riega.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, animou a toda a cidadanía a participar nesta actividade porque "o van pasar moi ben" nos ensaios e o día 11 de agosto "imos encher as prazas de xente de Pontevedra cantando".
"Non é preciso ter unha voz especialmente dotada para o canto, servemos todas e todos", precisou Da Silva.
O teléfono para anotarse aos ensaios é o 986 804 300 extensión 7107 e tamén por internet.
Programáronse 4 ensaios en 3 lugares distintos, para rematar o día 11 de agosto nun gran canto colectivo, masivo e itinerante por 4 prazas do centro histórico.
- No Centro Cultural de Lérez os ensaios serán os días 10 de abril, 8 de maio, 12 de xuño e 10 de xullo.
- No Centro Cultural do Gorgullón os días 20 de abril, 18 de maio, 22 de xuño e 20 de xullo.
- Na Casa Verde de Salcedo os días 27 de abril, 25 de maio, 29 de xuño e 27 de xullo.