Volve 'Paseantes', 15 concertos a pé de rúa con música 100% galega
Por Natalia Puga
A festa e a música non paran. Este mércores remata a programación do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que este xoves dará paso ás actuacións das festas de Santiaguiño do Burgo e xa o venres a unha nova edición de 'Paseantes', un conxunto de itinerarios musicais a pé de rúa que, por terceiro ano consecutivo, encherá de vida as rúas da cidade co factor sorpresa como un dos ingredientes fundamentais.
Entre as 12.00 horas do venres 28 de xullo e as 22.30 do sábado 29, en calquera recuncho do casco histórico pode aparecer música. Os grupos chegan, montan, tocan e, unha hora despois, vanse sen deixar rastro.
'Paseantes' inclúe 15 concertos de pequeno formato a pé de rúa en oito espazos distintos da cidade: a praza da Peregrina, a rúa Padre Luis, a glorieta de Compostela, a praza de Ourense, a praza de abastos, a contorna do Teatro Principal, a praza da Verdura e a praza do Teucro.
Trátase de actuacións dos estilos musicais máis diversos, desde pandereteiras a bossa nova, indie, soul, música contemporánea, fados, música tradicional ou blues, todos eles de grande calidade e cunha marcada presenza de bandas pontevedreses e de mulleres.
Ao respecto, a concelleira de Festas, Carme da Silva, que presentou a programación este mércores, destacou que na edición deste ano se buscou dar visibilidade ás mulleres, que no ámbito musical, como en tantos outros da sociedade, aínda o teñen moi complicado e moitas veces se ven relegadas a ser só vocalistas ou ter papeis secundarios nas bandas. Hai mulleres galegas que están a facer traballos de grande calidade e este ano quíxoselle dar un espazo destacado na programación.
A programación é 100% galega, desde os grupos ata a xestión -Nova Xestión Cultural-, o deseño -Estudo Pacheco- e a produción -Xeneme-. De feito, a concelleira de Festas destacou que este programa é un exemplo de como, sen saír de Pontevedra, pódense organizar grandes programas musicais.
Venres 28 de xullo
12.00 horas. Concerto do Dúo Fírveda. Praza da Peregrina. Acordeón e violín.
13.00 horas. Concerto de Iñaki & Garfunkel. Pai Luís. Música contemporánea.
14.00 horas. Concerto de Cachas & Cousins. Pai Luís. Soul.
19.00 horas. Concerto de Bouba Pandereteiras. Glorieta de Compostela. Música tradicional.
20.00 horas. Concerto de Café Brasil. Glorieta de Compostela. Bossa nova.
21.30 horas. Concerto de The Soul Breakers. Praza de Ourense. Soul.
22.30 horas. Concerto de Adrián Costa. Praza de Ourense. Soul.
Sábado 29 de xullo
12.00 horas. Concerto de Iria Estévez e Gonza Piña. Praza de abastos. Fados.
13.00 horas. Concerto de Ukestra do Medio. Escaleiras Teatro Principal. Ukelekes.
14.00 horas. Concerto de Andrea and the Black Cats. Escaleiras do Teatro Principal. Blues.
19.00 horas. Concerto de Lorena Osorio. Praza da Verdura. Cantautora.
20.00 horas. Concerto de Marcelo Dobode e as Amoras Maduras. Praza da Verdura. Música Tradicional.
21.30 horas. Concerto Palito Tablatuba. Praza do Teucro. Contemporaneo.
22.30 horas. Concerto de Wöyza. Praza do Teucro. Rap.
Relacionadas:
-
RADIO.- Carme da Silva: "Levar as festas é unha das cousas máis gratificantes que lle pode pasar a unha concelleira"
Por Marisa Ciordia |
-
Paseas por Pontevedra e, de repente, un concerto!
Por Mónica Patxot |
-
Paseos musicais polo centro da cidade
Por Mónica Patxot |
-
Damos un paseo e, de paso, asistimos a un concerto?
Por Natalia Puga |
-
Ópera, swing, jazz... todos os estilos musicais, a pé de rúa en 'Paseantes'
Por Natalia Puga |