VIDEO.- O Pleno da Deputación recolle as protestas dos veciños do rural contrarios á instalación masiva de lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno ordinario do mes de xuño celebrado este venres na Deputación de Pontevedra estivo marcado polas protestas da plataforma "O Rural Existe" situada contra as medidas de acougado de tráfico, os resaltos popularmente coñecidos como "lombos", nas distintas parroquias do municipio de Pontevedra.
Un grupo de veciños acudiron á sesión plenaria interesados no primeiro dos puntos da orde do día, o acordo marco que regulará a contratación das obras de conservación de firmes na rede viaria provincial.
O deputado responsable de Mobilidade, o nacionalista Uxío Benítez, explicou a posta en marcha dun plan de rehabilitación de firmes para as estradas provinciais cun orzamento anual de preto de 4,4 millóns de euros. Benítez adiantou que o acordo marco para contratar as obras será prorrogable ata 2021, cando o investimento chegará aos 19,6 millóns de euros.
O deputado acendeu os ánimos dos membros da plataforma veciñal ao asegurar que mantén en marcha o seu plan de instalación de medidas de acougado de tráfico en toda a súa rede viaria para "garantir a seguridade das persoas" e insistiu na "gran demanda" de instalación de "lombos" que recibe por parte de todos os concellos.
O deputado delegado de Infraestruturas, Uxío Benítez, defendeu que estas medidas están "acordadas" cos distintos representantes municipais e "supervisadas polos técnicos".
Pola súa banda o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, acusou o goberno da Deputación de actuar con "chulería e prepotencia" impoñendo estas medidas "sen diálogo cos veciños" recomendándolles "menos viaxar por Europa e máis visitar o rural" como facía, engadiu, o anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, o que arrancou o aplauso dos membros da plataforma.
A pesar das súas críticas o grupo provincial do PP abstívose na votación polo que o acordo marco foi aprobado co apoio do Partido Socialista e o BNG.
En declaracións aos xornalistas os portavoces de "O Rural Existe" reclamaron a retirada total ou parcial dos resaltos instalados de maneira "masiva" nas estradas das súas parroquias e pediron unha reforma integral de moitos destes viarios "consensuada cos veciños".
Este colectivo convocou unha manifestación de protesta para mañá sábado ás 11.30 horas con saída desde a praza da Ferrería ata o Concello de Pontevedra.
INTERVENCIÓNS
Ao comezo do pleno interviñeron unha representación da comunidade escolar do CPI da Ribeira (Porriño) para protestar contra a decisión da Xunta de pechar as aulas de secundaria deste centro deixando só as de infantil e primaria e tamén tomou a palabra un portavoz dos alumnos da Uned Senior para reivindicar a Filosofía ao entender que a súa supresión supón "cercenar nuestra lengua y oído, volver a la Inquisición".
Ambos os colectivos solicitaron en tempo e forma a súa participación no Pleno, aclarou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
LINGUAXE INCLUSIVA
Á marxe destas cuestións, por unanimidade, saíu aprobada a declaración institucional en prol da linguaxe inclusiva na Deputación de Pontevedra a proposta do deputado de Coalición Son, Xosé Lois Jácome.
O deputado considera que a linguaxe machista é percibida como "inofensivo por estar avalada pola cúpula maioritaria de homes da RAE, mais non ten nada de inofensivo", pois este uso de linguaxe inclusiva, di Jácome, "perpetúa a invisibilización do 50% da poboación", xa que "a linguaxe masculina non é neutro, e por tanto non representa ás mulleres, non debemos toleralo".
Carmela Silva leu a declaración que compromete ao organismo provincial á implantación de perspectiva de xénero nos procesos de comunicación.
Relacionadas:
-
Moita retranca na "inauguración" veciñal da avenida do Generalísimo Mosquera en Verducido
Por Redacción |
-
Os lombos na PO-223 entre Lérez e Xeve, rexeitados só por Cidadáns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Xeve e Verducido terían máis lombos, di a Deputación, de seguir a normativa de Fomento
Por Redacción |
-
O goberno local arquiva a nova ordenanza de lombos do PP
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma "O Rural Existe" reclama menos lombos
Por Oskar Viéitez |
-
Lores nega abandono no rural: "Gastamos de media cinco veces máis por habitante que na cidade"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Manifestación o sábado contra a instalación "masificada e innecesaria" de 'lombos' no rural
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Nace unha plataforma veciñal para reivindicar que "o rural existe"
Por Redacción |
-
Mosquera, en Barcelona: "Expulsar ás persoas dos espazos públicos é unha inxustiza"
Por Redacción |
-
Verducido, "zona 80" por uns días
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera: "Non nos gustaría que por motivos estritamente políticos ou politizados os que facían carreiras alí sexan os que estean detrás"
Por Oskar Viéitez |