Verducido, "zona 80" por uns días
Por Alejandro Espiño
A zona 30 converteuse en Verducido, por obra das pintadas, en zona 80. Con esta acción, os opositores aos lombos que a Deputación colocou na estrada EP-0011, que dá acceso ao Pontillón do Castro, quixeron protestar contra a instalación destes elementos de acougado de tráfico.
Toda a sinalización horizontal desta estrada apareceu alterada con pintura branca, incluído os lombos que se colocaron no firme para obrigar aos vehículos para reducir a súa velocidade.
Segundo a normativa actual en materia de Tráfico, esta actuación podería ser considerada como un delito contra a seguridade viaria, polo que o autor ou autores, de ser identificados, poderían enfrontarse mesmo a consecuencias penais ao manipular sinais de tráfico.
A Deputación xa eliminou estas pintadas, detectadas o pasado venres. A corrección destes elementos foi realizada de xeito inmediato, sinalan desde o goberno provincial, por supoñer un perigo para a seguridade dos usuarios da vía. Así mesmo, deuse traslado da situación á xefatura provincial de Tráfico para o seu coñecemento seguindo o protocolo habitual nestes casos.
Unha vez corrixidos os primeiros danos, os técnicos volveron pasar revista á estrada, detectando novas alteracións e mesmo danos estruturais nun redutor de velocidade. Estes desperfectos fixéronse, supostamente, cunha 'piqueta' que deixou varias fochancas.
Nalgúns destes lombos, ademais, apareceron graves insultos dirixidos ao alcalde e ao vicepresidente da deputación pontevedresa, César Mosquera.
Para o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, lamentou que os autores destas pintadas non sexan "favorables" a que se apliquen medidas de seguridade de acougado de tráfico para reducir a sinistralidade viaria nunha zona na que "hai casas, xente e moitos tractores e maquinaria agraria".
"O que pretenden é seguir correndo por aí", engadiu.
O Concello, advertiu o edil do BNG, "seguiremos insistindo" na necesidade de recuperar espazos públicos para as persoas e lembrou que a decisión de declarar todo o municipio de Pontevedra como zona 30 foi aprobada por unanimidade de toda a corporación municipal.
Relacionadas:
-
VIDEO.- O Pleno da Deputación recolle as protestas dos veciños do rural contrarios á instalación masiva de lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores nega abandono no rural: "Gastamos de media cinco veces máis por habitante que na cidade"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Manifestación o sábado contra a instalación "masificada e innecesaria" de 'lombos' no rural
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Nace unha plataforma veciñal para reivindicar que "o rural existe"
Por Redacción |
-
Mosquera: "Non nos gustaría que por motivos estritamente políticos ou politizados os que facían carreiras alí sexan os que estean detrás"
Por Oskar Viéitez |
-
Verducido e Santa María de Xeve rebélanse contra os lombos indiscriminados
Por Redacción |
-
Veciños de Verducido piden a retirada dos lombos na estrada do Pontillón do Castro
Por Oskar Viéitez |