Mosquera: "Non nos gustaría que por motivos estritamente políticos ou politizados os que facían carreiras alí sexan os que estean detrás"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, referiuse este venres ao movemento de protesta xurdido na parroquia de Verducido contra os lombos instalados na estrada provincial que sobe desde Gatomorto ao Pontillón do Castro con estas palabras: "Non nos gustaría para nada que por motivos estritamente políticos ou politizados os que facían carreiras alí sexan os que estean detrás, esperemos que non. Pero hai bastantes indicios que apuntan a iso. Tamén sucedeu no Campiño. Alí tamén protestaron pero non o fixeron público".
Mosquera aceptou que "se hai que corrixir algo se corrixe", pero lembrou que o proxecto "pasou por dous filtros técnicos que demostraron ser nestas cuestións unhas autoridades".
Segundo detallou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o proceso mediante o cal se decidiu construír "lombos" na parroquia de Verducido iniciouse preguntando aos concelleiros responsables da parroquia se había solicitudes "e neste caso concreto era dos que máis queixas fixeron chegar polas velocidades coas que se circulaba por alí", afirmou.
Despois, os técnicos do Concello de Pontevedra fixeron unha proposta para Verducido e tamén o resto de parroquias do municipio, iso foi "en marzo do pasado ano". Os técnicos da Deputación supervisaron e corrixiron a proposta "e en función diso incluíronse no Plan Móvese e actuouse".
En resumo, segundo César Mosquera a única intervención política que houbo neste proceso foi "manifestar a vontade dos veciños" de que nesas estradas facían falta lombos.
REACCIÓN DO PSOE
Pola súa banda, o grupo municipal do PSdeG-PSOE declarouse "moi sorprendido" polas declaracións do César Mosquera "nas que afirma coñecer a existencia de carreiras ilegais en estradas do municipio".
"Se o señor Mosquera e o goberno local coñecían esa circunstancia e non fixeron nada estamos ante unha grave irresponsabilidade que chega ata a complicidade", afirmou Tino Fernández, portavoz do PSOE.
Relacionadas:
-
Xa están instalados os lombos no polígono do Campiño para evitar as carreiras ilegais
Por Redacción |
-
VIDEO.- O Pleno da Deputación recolle as protestas dos veciños do rural contrarios á instalación masiva de lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Nace unha plataforma veciñal para reivindicar que "o rural existe"
Por Redacción |
-
Verducido, "zona 80" por uns días
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira advirte que Pontevedra regulará os lombos "le guste a Lores o no"
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido e Santa María de Xeve rebélanse contra os lombos indiscriminados
Por Redacción |
-
Veciños de Verducido piden a retirada dos lombos na estrada do Pontillón do Castro
Por Oskar Viéitez |