A ANPA do CEIP Chancelas volve ás protestas para reclamar unha aula máis en Primeiro
Por Redacción
25 escolares na aula coa incorporación dun estudante diagnosticado con trastorno do espectro autista (TEA) provocaron que os pais do CEIP de Chancelas retomen as concentracións de protesta. Este venres 16 ás 09.00 horas, co apoio da FANPA, os proxenitores volverán realizar un acto reivindicativo reclamando que se desdobre a partir de setembro a aula de primeiro de Primaria.
Desde a ANPA entenden que a aula conta cun elevada cociente e existe o temor de que se produzan continuos conflitos. Os promotores desta mobilización insisten en que a Consellería de Educación incumpre a orde que recolle que o número máximo por aula debe de ser de 25 alumnos.
A Consellería comunicoulles que non se dividirá a aula ata que se avalíen as necesidades do grupo durante o primeiro trimestre do próximo curso escolar. Unha decisión que molesta aos pais e nais dos estudantes que afirman non estar dispostos a converter a aula de primeiro nun "laboratorio de coelliños de indias".
Alegan que ao longo deste curso comprobouse que se trata dun grupo moi numeroso e "movido" no que non se dan as condicións adecuadas para que os escolares desenvolvan unha boa aprendizaxe.
Sinalan tamén que en primeiro, os escolares terán que adquirir coñecementos de lectoescritura a través dun só docente e alertan de que a presenza dun neno con TEA necesitará un material específico e adaptado ás súas necesidades, con atención case exclusiva por parte do profesor.
Ante esta situación, a ANPA reclama unha reunión urxente co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, para explicarlle en persoa a necesidade de dotar ao centro dun profesor titor para a nova unidade de primeiro que solicitan, ademais dun profesor de Pedagoxía Terapéutica, un profesor de Audición e Linguaxe e, por último, un coidador.