Pérez Ares supedita aos informes técnicos o desdoble no colexio de Chancelas
Por Redacción
O xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, explicou este martes durante un encontro con xornalistas no Concello de Pontevedra que se os informes técnicos aconsellan o desdobre no colexio de Chancelas aplicarao sen ningunha dúbida.
Esta mesma mensaxe foille transmitida horas antes a un grupo de nais de alumnos deste colexio que se reuniu con Pérez Ares.
Segundo trasladaron estas nais, o xefe territorial indicoulles que o neno con autismo entrou no colexio de Chancelas, segundo recolle o informe de Inspección Educativa, porque a familia cambiou a zona de domicilio e porque tiña un irmán xa matriculado no colexio.
Ante esta tesitura Inspección tiña dúas opcións: ou aumentaba a ratio de primeiro no centro ou desprazaba ao neno a outros dous centros que eran o Isidora Riestra ou o de Viñas, pero como quedaba a máis dun quilómetro de distancia de domicilio do neno, a inspección non lles pareceu prudente por iso tomouse a decisión de aumentar a ratio.
Ares aseguroulles que non podía entrar na praza de necesidades educativas especiais porque as prazas xa estaban cubertas cos nenos xa matriculados no centro, porque son 22+3, pero esas 25 prazas xa estaban todas cubertas cando o neno viño do centro de Campelo.
O xefe territorial tamén comentou que a día de hoxe el non ten constancia de que o equipo de orientación específico tanto da Xunta como a orientadora do centro de Chancelas valorasen ao neno. Por outra banda, engadiu que non é posible que xa exista informe porque de momento o neno aínda non estivo escolarizado no centro de Chancelas por iso indicou que ata que empece o curso que será o 11 de setembro non pode facer ningunha afirmación.
Recalcou Pérez Ares que cando se valore ao neno decidirase se se necesita facer un desdobre en Primeiro, ou se necesita un mestre en Pedagoxía Terapéutica (PT) ou un profesor de Audición e Linguaxe (AL) de apoio, tanto dentro como fose da aula ordinaria. Por tanto concluíu que haberá que esperar a setembro para que o equipo de orientación da Xunta e o do centro de Chancelas valoren e digan as necesidades que presenta este pequeno.
Ares confía en que a finais de setembro ou como moito na primeira semana de outubro xa teñan o informe e comprometeuse a que se efectivamente esa valoración di que ese grupo necesita un reforzo, daráselle.
Segundo a información que trasladaron as nais, na reunión César Pérez Ares lembrou que polo alumnado que ten o centro de Chancelas correspóndelle un PT, un AL e un orientador. Afirma ademais que o centro será o encargado de elaborar un Plan de Atención a Diversidade onde se recollerán os nenos con necesidades educativas especiais que ten o colexio, ademais terá que encargarse de facer as adaptacións curriculares que considere oporturnas e que poden ser significativas ou non significativas.
Relacionadas:
-
Máis profes para o cole de Chancelas!
Por Redacción |
-
A ANPA do CEIP Chancelas volve ás protestas para reclamar unha aula máis en Primeiro
Por Redacción |
-
Denuncian aglomeración de escolares no último curso de Educación Infantil no CEIP Chancelas
Por Redacción |
-
Reclaman ao Concello de Poio melloras no colexio de Chancelas
Por Redacción |