Comezan os traballos de roza na zona de praias de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín programou a partir deste luns día 15 os traballos de roza na zona de praias, desde a Escola Naval ata Lapamán e prevese que se prolonguen durante a segunda quincena de maio e o mes de xuño.
Os traballos van levar a cabo nas zonas comprendidas entre a PO-551 e a liña de costa, que son Portocelo, Barriada de Mogor, O Monte, Aguete, A Gorita, Montecelo, Loira, Bouzón, Moledo, Teoira, Casás e o viario de praias desde a Escola Naval ata o porto de Aguete.
Ademais destas actuacións o Concello atende outras prioridades como a preparación de espazos para a realización de eventos festivos do municipio.
Os traballos realizaraos a brigada de xardineiros da Fundación Juan XXIII, coordinados co tractor municipal que roza os laterais e muros das zonas máis amplas.
Trátase do mesmo xeito que en anos anteriores de ir acometendo as zonas en función dunha planificación e dun plan de traballo consensuado entre o concello que marca e fixa as prioridades e executa o persoal do Juan XXIII, cos apoios que se prestan desde as brigadas municipais.
Nesta época do ano, na primavera é necesario ir aos poucos acometendo estes traballos que fan que cada ano se poida contar con zonas de paseo, de esparexemento e dun uso nunhas condicións que pretenden ofrecer un aspecto limpo e para poder ser gozado na época estival.