O Concello de Ponte Caldelas presenta recurso contra a sentenza sobre o persoal do CIM
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas formalizou o recurso de súplica diante da sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a sentenza emitida polo xulgado do social número 3 de Pontevedra que declara a existencia de relación laboral coas traballadoras autónomas contratadas polo anterior equipo de goberno para a atención do Centro de Información á Muller (CIM).
O actual equipo municipal, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, asegura respectar a resolución xudicial, pero discrepa na declaración por parte do xuíz como despido nulo duns feitos que "só consistiron na negativa a prorrogar", o pasado 31 de decembro, "un chapuceiro contrato de servizos herdado".
Esta decisión, segundo xustifican, foi adoptada "diante das advertencias reiteradas dos técnicos municipais sobre a irregularidade de tal prórroga e mesmo o risco de ter incorrido nunha suposta prevaricación administrativa". Ademais, o goberno local entende que a proba proposta durante a vista oral deste preito laboral non foi tida en conta na sentenza.
Aínda así, o goberno local cre que "a sentenza deixa moi clara a escandalosa cadea de irregularidades cometida polo anterior alcalde e a anterior Xunta de Goberno do Partido Popular", pois declara como feitos probados que entre o 13 de xullo de 2006 e o 1 de xaneiro de 2015, o servizo foi adxudicado sis veces, sempre ás mesmas traballadoras (avogada e psicóloga). "Non só iso, senón que se prorrogou noutras cinco ocasións", engaden.
Ademais, o fallo destaca que as traballadoras chegaron a traballar "sen contrato" durante sete meses, que o Concello abonáballes os períodos de vacacións "aínda sendo autónomas" e que o entón alcalde, o popular Perfecto Rodríguez, concedeulles un permiso de maternidade en dúas ocasións, o que demostra que "dependían organizativamente" do rexedor.
"Se existe unha relación laboral consolidada entre o Concello e estas dúas traballadoras autónomas que só deberían estar contratadas como calquera empresa de servizos será só pola chafalleira e vergoñosa xestión que fixo o PP", sinala o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
A sentenza admite que o servizo de Intervención "veu establecendo un reparo á contratación das demandantes", pero non fai ningunha consideración adicional ao respecto, así como aos reparos que o actual alcalde tivo que salvar para poder pagar as facturas. Así como tampouco, segundo o Concello, reflicte a declaración prestada pola actual secretaria municipal, quen afirmou en sede xudicial que ter prorrogado este contrato sería irregular, polo que, chegado o caso, tería informado en contra.
"Tamén é certo", subliña o xuíz, "que a marxe de manobra do Concello neste tipo de situacións é limitado, pola súa calidade de administración pública, cuns procedementos regrados, non podendo crear prazas sen a oportuna cobertura orzamentaria e inclusión na correspondente Relación de Postos de Traballo, estando ademais prohibida polas últimas leis de orzamentos a incorporación de novo persoal".
Relacionadas:
-
As dúas ex traballadoras do CIM de Ponte Caldelas integraranse nun novo servizo municipal
Por Redacción |
-
Igualdade convoca a Andrés Díaz a unha xuntanza para reabrir o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A Xunta empraza ao Concello de Ponte Caldelas a que reabra o CIM
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a dimisión do alcalde de Ponte Caldelas tras declararse nulo o despedimento das traballadoras do CIM
Por Redacción |
-
A Xunta iniciou o expediente para a extinción do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |