A cociña en vivo e a degustación de raia abarrotaron a lonxa na primeira xornada da festa
Por Redacción
A lonxa de Portonovo rexistrou unha importante afluencia de visitantes durante a xornada do sábado que gozaron do variado programa de actividades culturais e culinarias programadas para este primeiro día.
As dúas propostas culinarias que se desenvolveron pola mañá congregaron a un importante número de persoas. A primeira delas, o taller de cociña impartido por Rocío Garrido Caramés, reuniu a unha decena de nenos que durante case unha hora gozaron dando forma a minihamburguesas de raia, un prato que posteriormente degustaron. O taller permitiu elaborar varios pratos incluíndo unha sobremesa.
A presenza de Iñaki Bretal, cociñeiro do Grupo Nove, congregou na lonxa un importante número de persoas que gozaron deste espectáculo de cociña en vivo no que este profesional dos fogóns sorprendeu con trucos e innovadoras receitas, nas que combinou a raia con outros produtos do mar e da horta de Sanxenxo, maridados con viños elaborados no municipio.
O apartado gastronómico da festa, que ofrece degustación de seis variedades diferentes de raia na propia lonxa, rexistrou tamén unha importante afluencia de comensais, que se decidiu maioritariamente pola caldeirada de raia, rexistrándose longas colas desde as 13 horas.
Os locais de hostalería de Portonovo, participantes na I Ruta do Pincho e Raia, despacharon tamén un importante número de racións na penúltima xornada desta iniciativa que vén desenvolvendo durante todas as fins de semana de abril e que mañá chega á súa fin.
A XXII Festa da Raia vivirá mañá o seu día grande, co acto institucional que terá lugar ás 12.30 horas como prato forte. A Raia de Ouro, máximo galardón entregado cada ano a unha persoa ou entidade destacada na promoción da vila, recaerá nesta edición no Portonovo SD, unha entidade que cumpre 70 anos e que será recibida de mans do alcalde polo actual presidente desta entidade, Valentín Martínez.
A continuación, e para completar a mañá, terá lugar un showcooking a cargo de Efigenia Vidal, unha das primeiras cociñeiras de Portonovo en comezar a preparar a raia en caldeirada para os mariñeiros locais. Aos seus 86 anos de idade, e xubiladas desde hai 20, compartirá, xunto ao seu neto Hugo Andrade, algúns dos seus trucos e pequenos segredos do éxito dda súa allada, esa salsa que convertía en especial o prato de raia degustado no bar que ela rexentaba O Chosco.
A Vespa Raiada, os xogos populares xa por tarde e a poxa de fotografías da exposición Portonovo e ou Mar así como o sorteo, ás 21 horas na lonxa, dos premios correspondentes á Ruta Pico e Raia, poñerán fin á XXII edición desta festa.
Relacionadas:
-
A lonxa foi, segundo o Concello, a clave do éxito da Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
A entrega da Raia de Ouro recoñece a traxectoria do Portonovo SD e homenaxea á xente do mar
Por Redacción |
-
A Festa da Raia, punto de partida da quinta Ruta Cabalar
Por Redacción |
-
Os 70 anos de fútbol do Portonovo SD ben valen unha Raia de Ouro
Por Redacción |
-
Cinco pratos diferentes para unha Festa da Raia que promete prezos "anticrise"
Por Redacción |