Cinco pratos diferentes para unha Festa da Raia que promete prezos "anticrise"
Por Redacción
As inmediacións da lonxa de Portonovo acollerá a próxima fin de semana, os días 29 e 30 de abril, a vixésimo segunda edición da Festa da Raia, un evento gastronómico que chega cargado de novidades.
Segundo explicou o concelleiro de Festas, Jesús Sueiro, na súa presentación, a Festa da Raia servirá caldeirada de raia ao estilo de Portonovo con patacas de Arra, raia frita con tirabeques de Dorrón, empanada de raia e cebola de Sanxenxo, arroz meloso de raia e chícharos de Nantes e croquetas de raia, entre outros pratos elaborados con produtos do mar.
Ademais, haberá prezos similares aos da última edición celebrada, a de 2015. Así, os prezos oscilarán entre os catro aos seis euros por ración.
A cociña, situada nunha carpa anexa á lonxa, elaborará as racións en horario de 12.30 a 15.30 horas e de 20 a 22 horas, durante os dous días da fin de semana.
Jesús Sueiro insistiu en que o Concello quixo imprimir a esta edición un estilo diferente e a iso contribuirá en parte o feito de que se celebre na lonxa. "Supón un reto, xa que temos que facer toda a montaxe en cuestión de horas, pero estou seguro de que valerá a pena", afirmou.
Tras a exposición realizada por Jesús Sueiro, foron os colectivos implicados na organización deste evento quen explicou cada unha das actividades para desenvolver.
Así, Alejandro Piñeiro, presidente de Amigos da Dorna, explicou que este colectivo contará cunha caseta permanente xunto á lonxa, onde ademais dunha pequena exposición de artes de pesca impartirán talleres de nós mariñeiros para nenos, facilitando así aos maiores que poidan degustar a raia mentres os seus fillos participan nunha actividade didáctica.
A maiores, Amigos da Dorna preparou unha actividade no mar, a I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, que reunirá en Portonovo a barcos chegados desde O Grove, Riveira, Combarro, Bueu ou Aguete.
A blogueira Rocío Garrido Caramés, pola súa banda, encargarase de impartir tres obradoiros de cociña para nenos, a partir de 3 anos, cos que cociñará raia de diferentes formas. As mini hamburguesas de raia, por exemplo, tratarán ademais de iniciar aos máis pequenos no consumo deste produto.
Ademais, o programa conta cun showcooking, 'Descobre a raia', o sábado ás 13.30 horas na lonxa, a cargo de Iñaqui Bretal, membro do Grupo Nove; e con outro da cociñeira de Portonovo Efigenia Vidal o domingo ás 13.00 horas.
A lonxa contará tamén cunha exposición fotográfica a cargo de Ollares de Portonovo. Corenta imaxes, con motivos vinculados ao mar ou con paisaxes locais, decorarán as paredes da lonxa e dez delas serán poxadas o domingo, ás 20 horas.
Na lonxa terá lugar tamén a exposición de maquetas da vila de Portonovo dos anos 60, así como dalgunhas embarcacións tradicionais elaboradas e recompiladas por Manuel Bea Silva, presidente do Club de Xubilados de Portonovo.
Outra das actividades integrada no programa conta co respaldo e implicación da asociación de praceiras de Portonovo e pescaderías, que contarán cunha bancada na que se expoñerán exemplares de raia para explicar aos asistentes as diferenzas entre especies.
A Festa da Raia contará tamén cun acto institucional, a entrega da Raia de Ouro, que este ano será para a SD Portonovo con motivo do seu 70 aniversario.
Relacionadas:
-
A lonxa foi, segundo o Concello, a clave do éxito da Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
A cociña en vivo e a degustación de raia abarrotaron a lonxa na primeira xornada da festa
Por Redacción |
-
A Festa da Raia, punto de partida da quinta Ruta Cabalar
Por Redacción |
-
Os 70 anos de fútbol do Portonovo SD ben valen unha Raia de Ouro
Por Redacción |
-
Portonovo apúntase á BTT para promocionar a Festa da Raia
Por Redacción |
-
Dezaseis locais de hostalería participan na primeira Ruta Pincho e Raia de Portonovo
Por Redacción |
-
Buscan novas iniciativas para potenciar a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción |