A entrega da Raia de Ouro recoñece a traxectoria do Portonovo SD e homenaxea á xente do mar
Por Redacción
O Portonovo SD recibiu a Raia de Ouro este domingo nun acto presidido polo alcalde de Sanxenxo e ao que asistiron os diferentes presidentes desta entidade ao longo da súa historia.
Tras unha breve presentación, o alcalde Gonzalo Pita quixo comezar a súa intervención rendendo unha pequena homenaxe aos homes e mulleres do mar, ao duro traballo que realizan diariamente e que con máis frecuencia da desexada leva sobresaltos e mesmo sinistros irreversibles.
Gonzalo Pita lembrou que a Raia de Ouro é o galardón co que distinguir a persoas ou colectivos destacados pola súa promoción e defensa de Portonovo. "E poucas asociacións hai que logren axuntar tantas sensibilidades como o Portonovo SD. Sería moi difícil atopar en Portonovo unha soa familia que non tivese a algún membro xogando no equipo nalgún momento. Cada portonovés sente a camiseta como propia e defende as súas cores como un aceno de identidade".
É algo que Gonzalo Pita coñece perfectamente xa que durante dúas tempadas militou no Portonovo SD, con Daniel Fernández, actual concelleiro de Urbanismo, como presidente da entidade. O alcalde tamén lembrou o seu tempo como adestrador dos prebenxamíns deste club. Unha etapa que, dixo, lembra con especial agarimo.
Gonzalo Pita lembrou os inicios humildes do Portonovo e como a implicación dunha lexión de homes e mulleres lograron a consolidación dun club que xerou unha canteira da que saíron xogadores que militarían en Primeira e Segunda División, como Fran Rico, Juan Norat, Suso Búa ou José Dezagoire, tristemente falecido esta mesma semana, deixando unha profunda dor entre familiares, amigos e afeccionados e cuxa memoria quixo honrar o alcalde pedindo un aplauso dos numerosos asistentes.
Foi Valentín Martínez quen recibiu a placa de mans do alcalde e agradeceu o recoñecemento á traxectoria do club, que cumpre agora 70 anos.
Tras a entrega da Raia de Ouro tivo lugar o showcooking protagonizado por Efigenia Vidal, xunto ao seu neto Hugo Andrade, e que foi seguido por numerosas persoas. Mentres Efigenia facía gala dunha excelente memoria para lembrar detalles relativos ás orixes da festa, o seu neto mostrou a súa cara humorística. Ambos deixaron claro que son unha parella con moita química e compartiron cos asistentes algún que outro segredo para elaborar a "allada" para unha boa raia en caldeirada.
Relacionadas:
-
Portonovo ultima os preparativos para a XXIII edición da Festa da Raia
Por Redacción |
-
Positivo balance da primeira edición da Ruta Pincho e Raia
Por Redacción |
-
A lonxa foi, segundo o Concello, a clave do éxito da Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
A cociña en vivo e a degustación de raia abarrotaron a lonxa na primeira xornada da festa
Por Redacción |
-
A Festa da Raia, punto de partida da quinta Ruta Cabalar
Por Redacción |
-
Os 70 anos de fútbol do Portonovo SD ben valen unha Raia de Ouro
Por Redacción |