Os 70 anos de fútbol do Portonovo SD ben valen unha Raia de Ouro
Por Redacción
O Portonovo Sociedade Deportiva atesoura unha traxectoria de 70 anos de historia e pasou a ser un referente deportivo na comarca do Salnés e en Galicia en xeral. Para recoñecerlle todos estes méritos, este ano recibirá a Raia de Ouro, máxima distinción outorgada polo Concello de Sanxenxo con motivo da celebración da Festa da Raia.
A XXII Festa da Raia celebrarase a próxima fin de semana e o Concello xa confirmou que o actual presidente do Portonovo, Valentín Martínez, recollerá o distintivo en nome de todas as persoas que formaron parte do club desde 1947.
Con motivo deste galardón, o Concello lembra que a dificultade económica condiciona hoxe o futuro do Portonovo SD, que xoga na actualidade en Rexional Preferente e aínda ten fundadores vivos, persoas con máis de 80 anos que crearon este club como resultado do hábito de xogar os domingos pola mañá na praia da Ribeira, hoxe Baltar.
Partidos con porterías de area lograron arraigar na vila unha afección que foi crecendo e arraigándose en diferentes xeracións ata a actualidade. Este arraigamento con Portonovo xa supuxo a entrega da Raia de Ouro no pasado para Porfirio Lázaro, presidente do Portonovo SD a partir de 1952.
Ademais de premiar a traxectoria do club, esta Raia de Ouro será tamén unha homenaxe a todos os seus xogadores, que lograron que o club chegase a xogar en Primeira e Segunda División. Fran Rico, José Dezagoire, Juan Norat ou Suso Búa son exemplos da excelente canteira do Portonovo.
Tamén a afección recibirá a súa merecida homenaxe. Amosouse incondicional desde sempre e aínda na actualidade, asistindo domingo tras domingo ao campo. Valentín Martínez lembra a entrega da afección, a modo de exemplo, ao falar do primeiro peche de formigón do campo. Os materiais foron xestionados polo entón presidente, José Manuel Pérez Alarcón, que fixo un chamamento aos veciños para que contribuísen á súa colocación e alí deuse cita todo o pobo.
Relacionadas:
-
A entrega da Raia de Ouro recoñece a traxectoria do Portonovo SD e homenaxea á xente do mar
Por Redacción |
-
A cociña en vivo e a degustación de raia abarrotaron a lonxa na primeira xornada da festa
Por Redacción |
-
A Festa da Raia, punto de partida da quinta Ruta Cabalar
Por Redacción |
-
Cinco pratos diferentes para unha Festa da Raia que promete prezos "anticrise"
Por Redacción |
-
Buscan novas iniciativas para potenciar a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción |