O goberno local denuncia o boicot da Xunta a Poio
Por Oskar Viéitez
Boicotear é obstaculizar, obstruir, bloquear, ameazar, presionar, impedir ou entorpecer a realización dun acto ou dun proceso como medio de presión para conseguir algo. O goberno local de Poio acusa o Partido Popular de levar a cabo unha "vergoñosa estratexia de boicot a calquera proxecto que beneficie a Poio, coa única intención de culpabilizar ao goberno de Poio, coa esperanza que isto lle de rédito político".
Así de contundente manifestouse a tenente de alcalde, Chelo Besada. A portavoz socialista lembrou que o goberno municipal de Poio (BNG e PSOE), coa intención de "desatascar" a mellora da PO-308, propuxo "unha solución sensata e viable pois entendemos que é a única forma de conseguir os terreos necesarios para a execución do proxecto".
É dicir, o goberno local ofreceuse a pagar as expropiacións necesarias para comezar canto antes as "melloras urxentes" de seguridade viaria, unha solución que o PP local pediu que sexa rexeitada por parte da Xunta.
A PO-308 polo nivel de tráfico que soporta condiciona o día a día dos veciños que viven na súa marxe e resulta un verdadeiro problema de seguridade e accesibilidade. Todos coinciden en que é necesario mellorar os cruces dotar de beirarrúas e habilitar pasos de peóns en condicións de seguridade.
Chelo Besada considera que o portavoz popular, Ángel Moldes, que é un "especialista en enlamar a vida política e xerar problemas", e cualifica de "enorme torpeza" que o PP pida que se desestime e non se tome en consideración o ofrecemento de Poio. "Isto demostra, sen dúbida, que o Partido Popular ten unha vergoñosa estratexia de boicot", apunta a tenente de alcalde.
O goberno local engade que "esta estratexia repítese con todas as obras dependentes da Xunta" e citan a mencionada PO-308, a depuradora, o polígono de Fragamoreira, os accesos aos portos de Raxó e Covelo. "Para todas elas teñen deseñada a súa preceptiva desculpa".
Neste último caso, Chelo Besada pregunta "cal é a desculpa que teñen para non executar os proxectos dos portos de Raxó e Covelo oito anos despois da firma do convenio?".
Relacionadas:
-
Poio esixirá nos tribunais que a Xunta constrúa a depuradora en Pampaído
Por Alejandro Espiño |
-
En Marea tilda de "chapuza" a senda da Xunta para a PO-308 en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes cre que o bipartito de Poio "ten que pedir perdón a moita xente" en relación coa PO-308
Por Redacción |
-
A Xunta acepta a proposta de Poio e expropiará os terreos para construír a senda peonil e ciclista na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes pide á Xunta que rexeite a oferta de Poio de pagar as expropiacións na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo
Por Diego Espiño |
-
"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos"
Por Oskar Viéitez |