A Xunta acepta a proposta de Poio e expropiará os terreos para construír a senda peonil e ciclista na PO-308
Por Oskar Viéitez
O Diario Oficial de Galicia deste venres publica a relación de 57 leiras afectadas pola construción da senda peonil e ciclista na PO-308, entre Covelo e Raxó.
Deste xeito a Xunta acepta a proposta do goberno local de Poio e descarta a cesión gratuíta por parte dos propietarios. "Vista a urxencia social decidiuse iniciar xa o expediente expropiatorio" para conseguir os terreos necesarios para acometer esta obra de mellora de seguridade viaria ao considerar o proxecto como "inaprazable", segundo confirmou en rolda de prensa o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez.
O goberno local de Poio ofrecérase á Xunta para financiar as expropiacións para así desbloquear as melloras previstas nesta estrada na que o pasado día 9 un ciclista falecía ao ser arroiado por un vehículo cando circulaba á altura de Covelo.
Francisco Menéndez precisou que será a Xunta quen asuma os 56.303 euros que estiman custarán as expropiacións. O financiamento "está asegurado" polo programa de fondos europeos Feder do que este proxecto forma parte, no que se denominou como plan de sendas de Galicia.
O orzamento desta obra é de 2,2 millóns de euros para un total de 4,4 quilómetros de senda desde a travesía de Samieira, xusto antes da intersección co viario de acceso á praia e o porto de Covelo, e ata o final da travesía de Raxó, no punto no que empezan as beirarrúas de Dorrón.
Menéndez engadiu que "tempo teremos" para que o Concello de Poio poida investir noutras melloras "estes 56.000 euros que lle estamos aforrando" e puxo como exemplo, que a instalación de nova iluminación podería ser asumida polo goberno municipal.
O prazo de presentación de alegacións abarcará desde o vindeiro luns, día 24, ata o próximo 7 de xuño.
O Consello da Xunta terá que aprobar un decreto de utilidade pública antes de ocupar os terreos e proceder á licitación das obras.
Relacionadas:
-
Veciños de Raxó maniféstanse en recordo das vítimas da PO-308
Por Redacción & Diego Torrado |
-
En Marea tilda de "chapuza" a senda da Xunta para a PO-308 en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes cre que o bipartito de Poio "ten que pedir perdón a moita xente" en relación coa PO-308
Por Redacción |
-
O goberno local denuncia o boicot da Xunta a Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes pide á Xunta que rexeite a oferta de Poio de pagar as expropiacións na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo
Por Diego Espiño |