Finxe unha coxeira ao ser sorprendido pola Policía usando fraudulentamente un cartón para persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez
Sirva o refrán "antes se colle ao mentireiro que a un coxo" para explicar unha actuación da Policía Local que tivo lugar o pasado 17 de marzo.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura Local, ao redor das 17:40 horas unha patrulla observou o "proceder estrano" do condutor dun vehículo que estacionou nunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida na rúa Augusto García Sánchez. Os axentes advertiron como o home ao darse conta da presenza policial "empezou a renquear ostensiblemente" mentres se dirixía ao maleteiro do coche.
Os policías ían en moto e cando estaban á altura da Avenida Raíña Vitoria, observaron como "no momento que deixaron de ser visibles para esta persoa", pechou o coche e "empezou a correr a toda velocidade sen ningún tipo de coxeira" para ausentarse do lugar cara á Praza de Galicia, quedando o vehículo estacionado cun cartón do Concello de Cangas.
Os municipais decidiron quedar polas inmediacións á espera de comprobar a autenticidade e a titularidade do cartón ao sospeitar que podía existir un uso fraudulento do mesmo. Un pouco despois, ás 18.15 horas, viron de novo ao condutor andando pola rúa Andrés Muruais, en dirección a Augusto García Sánchez, cargando unha bolsa "e outra vez ao ver aos axentes comezou a coxear".
Os axentes esperaron á beira do vehículo para entrevistarse co condutor pero este, aínda que ía en dirección ao coche "cando lles viu deu media volta e entrou nun videoclub".
En canto os axentes se retiraron das inmediacións do vehículo, "o condutor volveu á carreira e subiu no coche coa fin de marchar". Nese momento os policías déronlle o alto e comprobaron que o cartón estaba a nome dunha muller, unha persoa que non estaba no lugar nin cando estacionou nin cando marchaba.
Ante estes feitos os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon á intervención do mencionado cartón e á tramitación dunha denuncia administrativa por estacionar en zona reservada para persoas con mobilidade reducida.
A pesar dun especial control por parte da Policía Local de Pontevedra, as denuncias por estacionamento non autorizado en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida representan o 1,32% do total das denuncias (165 de 12.656 ano 2016).
Segundo destacan desde a Xefatura da Policía Local, estes datos "veñen poñer de manifesto a solidariedade que ten a cidadanía de Pontevedra con este colectivo", e que feitos deste tipo crean malestar.
Por parte da Policía Local agradécese unha vez máis a colaboración cidadá na denuncia de feitos similares e sinalan que, a pesar da dificultade que entraña a súa verificación, seguirase vixiando.
Relacionadas:
-
Denuncian un turista andaluz por aparcamento fraudulento en prazas para persoas con discapacidade
Por Natalia Puga |
-
'Cazan' unha moza sen problemas de mobilidade aparcando en prazas de discapacitados para ir o ximnasio
Por Redacción |
-
Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta do marido morto
Por Redacción |
-
Un conductor sen discapacidade, sorprendido aparcando cun cartón caducado en 2009
Por Redacción |
-
Denunciado por aparcar nunha praza reservada para discapacitados usando a copia dun cartón que atopou nun coche
Por Natalia Puga |
-
Pillada unha veciña que usaba fraudulentamente unha tarxeta de discapacitado para aparcar
Por Redacción |