Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta do seu marido falecido
Por Redacción
A Policía Local de Poio detectou un caso de uso fraudulento dunha tarxeta de estacionamento para prazas reservadas a persoas con discapacidade presuntamente realizado por unha veciña do municipio que usaba un cartón a nome do seu marido, que leva cinco anos falecido.
Segundo informou a Policía Local de Poio, unha patrulla que realizaba tarefas de vixilancia e control diario observou que un vehículo estacionado nunha praza para persoas con discapacidade na rúa Oliveira tiña á vista unha tarxeta caducada no ano 2012.
Ante esta situación, os policías denunciaron o turismo e chamaron o guindastre para a súa retirada. Cando estaban a realizar estas xestións, chegou a propietaria do vehículo, que lles fixo saber que a tarxeta estaba caducada porque era do seu marido e él estaba encamado e non a podía renovar. Tamén lles trasladou que non tiña pensado renovar a tarxeta.
A Policía Local enviou esa tarxeta caducada ao departamento municipal encargado da súa xestión para o seu arquivo, pero nese momento déronse conta de que o titular da tarxeta levaba falecido dende o ano 2012, de modo que denunciaron á muller por un uso fraudulento do documento público.
Ao respecto, os axentes de Poio recordan que o cartón acreditativo do grao de discapacidade é un documento persoal e intransferible que acredita o recoñecemento do grao de discapacidade recoñecido ao seu titular e sirve de documento substitutivo, a todos os efectos, da resolución pola que se recoñece o grao.
A Policía Local busca a concienciación dos veciños de Poio sobre o uso debido destes cartóns para facilitar o estacionamento as persoas con discapacidade ou que presentan unha mobilidade reducida, respectando así os seus dereitos e xa anuncia que nas vindeiras semanas van iniciar unha campaña para vixiar os estacionamentos indebidos nestas zonas habilitadas para persoas con discapacidade.
Relacionadas:
-
Pon de escusa á súa irmá para evitar unha multa e a súa nai delátaa
Por Natalia Puga |
-
Poio inicia unha campaña de control do estacionamento en prazas reservadas para persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Denunciado por usar de forma fraudulenta o cartón de estacionamento para persoas con discapacidade da súa irmá
Por Natalia Puga |
-
Finxe unha coxeira ao ser sorprendido pola Policía usando fraudulentamente un cartón para persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian o uso das prazas para discapacitados como aparcadoiros de carga e descarga
Por Redacción |