VÍDEO.- AlertCops, alertar dunha emerxencia ou delito con só un clic no móbil
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Póñase en situación. Está vostede coa súa parella e el empeza a insultala. Que fai? Necesita pedir axuda, pero o clima de violencia faille temer que, se o fai, el pasará dos berros aos golpes. Pode esconderse nalgún recuncho da casa e tentar marcar o 112, o 062 (teléfono de emerxencia da Garda Civil) ou o 091 (Policía Nacional) e trasladar a petición de axuda, arriscándose a que a agresión sexa aínda máis grave. Ou ten outra opción, máis discreta, coller o seu teléfono móbil, abrir a aplicación AlertCops e pulsar o icona 'violencia de xénero'.
Se en lugar de protagonizar a escena anterior vostede estaa presenciando mentres a sofre outra persoa, ten a mesma posibilidade. Pulsa a icona e inmediatamente salta unha alerta na Comandancia da Garda Civil ou a Comisaría da Policía Nacional que se encarga de garantir a seguridade na súa zona de residencia. Non é necesario que explique nada. Aos axentes xa lles chega información sobre quen é vostede porque se rexistrou ao descargarse a App, e tamén datos sobre a súa localización exacta e o motivo do seu SOS.
Que é exactamente AlertCops? Como funciona? O brigada Javier Maquieira, xefe do Centro Operativo Complexo (COC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra explícao no vídeo que acompaña esta información, pero, para tentar resumilo, cabería dicir que é unha aplicación móbil que funciona de forma sinxela e intuitiva e permite que calquera persoa poida enviar ás forzas e corpos de seguridade do Estado unha alerta sobre un acto delituoso ou emerxencia que protagonice ou vexa.
Imaxinemos outra situación. Están a roubar nunha casa. Sexa vostede vítima ou testemuña, pode acudir a esta aplicación que previamente puido descargar de modo gratuíto das tendas de Android (Play Store) e iOS (App Store) e, sen que facer ningún ruído que alerte ao ladrón, poñer sobre aviso á Garda Civil.
Como ocorre nos anteriores delitos de violencia de xénero, ou en calquera outro que poida presenciar, o brigada Maquieira destaca "a discreción dos avisos", pois quen alerta "pode facelo a través dun chat", coma se estivese a enviar un whatsapp, mentres está escondido sen que o sintan ou en presenza doutras persoas sen que saiba que fai realmente. No caso da violencia de xénero, ademais, unha vez que se pecha a alerta, desaparece do historial da App.
Un novo suposto no que AlertCops preséntase como máis sinxelo e rápido que unha chamada ao 062 -ou o 091 se está vostede en zona de competencia da Policía- é o dun menor que está a sufrir acoso escolar. Pode alertar e que a Garda Civil se presente no punto exacto nun curto período de tempo sen que ninguén se decate de que chamou. E é que este sistema está pensado para todas as idades, "calquera persoa pódeo utilizar".
Sigamos recreando esceas. Vostede ten unha discapacidade auditiva ou vocal e sofre ou presencia unha incidencia de seguridade, desde un accidente de tráfico a un atraco, as posibilidades son infinitas. Con AlertCops non terá que falar nin escoitar ao axente interlocutor e poderá trasladar a súa situación sen dificultades de entendemento.
Que tipo de alertas se envían a través de AlertCops? A pesar de que a aplicación empezou en período de probas en 2014, non ten aínda moita implantación. Na provincia de Pontevedra, como no resto de España, a maioría dos usuarios son xente nova e na Comandancia atopáronse con situacións variadas, desde unha muller que alertaba desde Madrid de que a súa amiga pontevedresa necesitaba axuda a unha vítima de violencia de xénero que "requiría axuda" e "a cousa resolveuse ben".
Pedímoslle que se poña nunha última situación. Perdeuse mentres fai sendeirismo nun lugar do rural pontevedrés. Con AlertCops, a petición de axuda é xeolocalizada e, no momento en que lanza a alerta e na Comandancia canalízana desprégaselles un mapa que lles dá a súa ubicación "practicamente ao milímetro", de modo que poderán dar indicacións á patrulla máis próxima para que acuda na súa axuda.
Relacionadas:
-
Reforzo policial na rúa ata o 8 de xaneiro para un Nadal seguro
Por Redacción |
-
A App de alertas de seguridade Alertcops, un 2018 con nova versión e o reto de seguir crecendo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva destaca que sen a Garda Civil habería "serias carencias" na provincia
Por Alejandro Espiño |