A App de alertas de seguridade Alertcops, un 2018 con nova versión e o reto de seguir crecendo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A aplicación móbil de alertas de seguridade cidadá AlertCops, a versión moderna do 062 (teléfono de emerxencia da Garda Civil) ou o 091 (Policía Nacional), dará un paso máis coa chegada de 2018, ao empezar a funcionar unha actualización con novas funcionalidades. A novidade pon sobre a mesa a necesidade de que, previamente, se faga un labor de difusión da App, pois constatouse que unha porcentaxe importante da poboación aínda non coñece nin a súa existencia.
Co obxectivo de popularizar AlertCops, a Garda Civil de Pontevedra realizou este martes unha presentación ante os medios na que, de paso, aproveitouse para facer balance dos seus tres primeiros anos de funcionamento. Desde que se puxo en marcha en novembro de 2014, na Comandancia xestionáronse 139 alertas a través deste sistema.
A pesar de que a implantación é minoritaria, resulta positiva a súa evolución, pois desde novembro do 2014 ata decembro de 2016 recibíronse 57 alertas e, no que vai deste ano 2017, as 82 restantes. A súa implantación, deste xeito, progresa adecuadamente.
A esas cifras, ademais, habería que sumar os avisos xestionados desde a Comisaría da Policía Nacional, pois se trata dunha aplicación do Ministerio do Interior que facilita a comunicación do cidadán tanto coa Garda Civil como co Corpo Nacional de Policía. Cada corpo xestiona as alertas que se xeran na súa área de competencias.
O tenente coronel Manuel Touceda, xefe accidental da Comandancia de Pontevedra, e o brigada Javier Maquieira, xefe do Centro Operativo Complexo ( COC) da Comandancia, explicaron este martes os beneficios e funcionamento da App, que poden coñecerse a través desta reportaxe publicada en PontevedraViva e destacaron que "es muy útil tanto para nosotros como para los ciudadanos", pois "puede suponer una ayuda muy grande" á hora de xestionar unha incidencia de seguridade.
O tenente coronel indicou que, por exemplo, tería resultado de gran axuda o pasado domingo 10 con motivo das incidencias derivadas do paso da borrasca Ana. A Garda Civil rescatou a unha muller que se caeu por un barranco na estrada N-120, no sur da provincia, e lograron coñecer a súa localización grazas a un whatsApp que enviou ao COC.
"Con esta aplicación, sería más útil, con pulsar dos teclas se habría solucionado", indicou Manuel Touceda, en alusión a que AlerCops permite ao alertante indicar á Garda Civil que lle ocorre e onde está de forma automática, sen máis nada que pulsar dous botóns do móbil. No caso de que a incidencia na que se atopa inmersa o cidadán non figura na lista de posiblidades que xa ofrece a App, pódese abrir un chat e conversar cos axentes que xestionan a seguridade.
Touceda e Maquieira destacaron as bondades desta aplicación á hora de "entrar en contacto con el ciudadano" e insistiron, ademais, nos beneficios do AlertCops 2.0 que empezará a funcionar previsiblemente en xaneiro e incorpora novidades como a posibilidade de tradución simultánea en 100 idiomas ou a figura dos vixiantes público e privado.
O vixiante público está pensado, por exemplo, para os deportistas. Unha persoa que sae a correr ao aire libre pode enviar previamente a localización a través desta App e, desta forma, ata que regrese e comuníqueo, as Forzas de Seguridade saberán a súa localización por se ocorre algunha incidencia. O vixiante privado está pensado, por exemplo, para as familias, pois un pai poderá saber en todo momento onde está o seu fillo.
AlerCops funciona de forma sinxela e intuitiva e pode descargarse de forma gratuíta a través das tendas de Android (Play Store) e iOS (App Store). Con tan só un rexistro moi básico, o cidadán pode empezar a utilizalo e enviar ás forzas e corpos de seguridade do Estado unha alerta sobre un acto delituoso ou emerxencia que protagonice ou presencie.
O cidadán ten que compartir a súa localización, pero esta só a verán as Forzas de Seguridade cando lance a alerta. Todas esas incidencias que se vaian alertando quedan rexistradas no historial da App, excepto as relativas á violencia de xénero. Ademais, garántese que sempre se atenderán de forma inmediata, pois cada aviso cidadán salta no COC ou a Comisaria correspondente e se tras tres minutos de asubío insistente non se respondeu, derívase directamente á Secretaría de Estado de Seguridade.
AcComandancia está a dar difusión a esta aplicación a través das actividades do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, pero tamén convocou aos medios este martes para insistir ao cidadán en que é un servizo máis dispoñible e anima aos pontevedreses para descargala nos seus móbiles e utilizala.