Carmela Silva destaca que sen a Garda Civil habería "serias carencias" na provincia
Por Alejandro Espiño
Tras varias invitacións previas, que por motivos de axenda non puido aceptar, Carmela Silva saldou a "deuda que tenía" coa Garda Civil. Fíxoo na súa primeira visita oficial como presidenta da Deputación á comandancia de Pontevedra.
Alí, Carmela Silva destacou o labor "inmenso y extraordinario" que presta a Garda Civil na provincia, unha institución "fundamental" no Estado e sen a cal a provincia de Pontevedra, especialmente os pequenos concellos, terían "serias carencias".
A presenza deste corpo en todo o territorio pontevedrés e o traballo que desempeñan en materia de seguridade cidadá merecen, segundo Silva, un "reconocimiento público" por parte de todas as administracións.
En canto á deputación pontevedresa, a presidenta explicou que xa se executaron as obras recollidas no convenio asinado para a mellora das instalacións da comandancia. Trátase duns traballos licitados o pasado mes de outubro, pero acordados polo anterior goberno. "Me gusta reconocer las cosas. Eso también es lealtad institucional", dixo.
Grazas a esta colaboración, a comandancia arranxou a fachada dos pavillóns, cubríronse prazas de aparcadoiro e renovouse por completo o parque infantil.
Tras estas melloras, segundo explicou o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez Lara, a comandancia "ya no tiene carencias" e as actuacións que están programadas poderanse executar "con nuestros propios presupuestos".
Si haberá achega da Deputación, en concreto 150.000 euros, para obras de reforma no cuartel de Cambados. Será, segundo Estévez Lara, un investimento "importante" que agradecerán tanto os axentes alí destinados e as súas familias como os cidadáns que fagan calquera xestión nestas instalacións.
Neste sentido, o coronel xefe pediu á presidenta da Deputación que, "dentro de las posibilidades", esta colaboración amplíese a "años sucesivos" para cubrir as "carencias" doutras administracións.
Xa con respecto a unha posible ampliación da comandancia pontevedresa, o coronel explicou que existe un "ofrecimento" dos donos da arenera lindeira. Sería, dixo, o lugar "lógico". Cando se construíu o cuartel "no se llegó a un acuerdo", pero agora espera que eses terreos "reviertan" ao Estado a cambio dunha contraprestación económica.