As rebaixas non perden adeptos...
Por Redacción
A práctica totalidade das tendas de roupa, complementos, agasallos ou decoración de Pontevedra xa empezaran as rebaixas co inicio do novo ano 2017 e antes das grandes compras previas ao Día de Reis, pero na lista faltaban as raíñas de toda a tempada de rebaixas, as do grupo Inditex.
Desde este sábado, todas elas están tamén en período oficial de descontos e xa na primeira xornada reproducíronse nos establecementos as habituais escenas de colas e masificación.
E é que as rebaixas evolucionan, amplíanse e inclúen novos fenómenos de procedencia anglosaxoa como o Black Friday ou a Middle season, pero o primeiro día das rebaixas oficiais de inverno segue sendo o preferido para os cazadores de gangas e hai adeptos que non se perden a cita pesar de que os termómetros chegasen a marcar os dous graos a primeira e última hora do día.
A rúa Benito Corbal foi, como xa é habitual, o principal obxecto de desexo de quen buscaba descontos ou cambiar os agasallos errados dos Reis Magos, vivíndose escenas próximas ao colapso na parte peonil da rúa e dentro dalgunhas tendas do grupo Inditex.
Tras unha primeira xornada de trafego, este domingo as tendas volven estar abertas e espérase que se repitan cheos e colas para facerse con algún dos produtos rebaixados, algún con descontos de ata o 70% e case todos cun mínimo do 30 ou 50.
Segundo unha enquisa da Federación Provicial de Comercio, calcúlase durante este período de rebaixas unha media de gasto por persoa de 85 euros na cidade de Pontevedra, cun lixeiro aumento respecto ao ano anterior das rebaixas de inverno de 2016.