A campaña de Nadal xerará 6.300 postos de traballo no comercio da provincia
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial do Comercio de Pontevedra estima que a campaña de Nadal xerará 6.300 postos de traballo no comercio da provincia.
A federación asegura que o ano 2016 pechará cun incremento nas vendas respecto ao ano pasado, "e o comercio ten a esperanza de ter un aumento no seguinte ano", aínda que sinalan que o comercio "sacrificou os seus beneficios en beneficio do consumidor".
Ata o día 31 de outubro de 2016, o incremento foi dun 26% máis, inclúese neste estudo as vendas extraordinarias de entroidos, día dos namorados, día do pai, día da nai, rebaixas de primavera e de verán.
Respecto ao outono, a federación sinala que en clima cálido e seco que gozamos nos meses de outubro e novembro "prexudicou a venda no comercio de téxtil, calzado, electrodomésticos e no relativo a estufas". Iso si, houbo dúas importantes excepcións nesta estación: a campaña de volta ao cole e o Black Friday. Ambas foron vendas extraordinarias que xeraron importantes ingresos aos comerciantes.
O 68% do comercio da provincia apuntouse a esta moda norteamericana do Black Friday que "serviu para cubrir o 22% que levaba vendido de menos durante os meses de setembro e outubro".
Cada pontevedrés vai gastar 403,91 euros de media
A federación tamén informou que no que levamos de ano botaron o peche 210 comercios na provincia, o que supón un descenso no número de peches respecto ao ano anterior. Ademais na provincia abriron 140 establecementos, aínda que existen máis de 1.200 locais baleiros.
ENQUISA DE GASTO DO NADAL
Esta patronal tamén realizou as enquisas sobre o gasto do Nadal, Aninovo e Reis, e extraen como primeiro resultado que os consumidores na provincia de Pontevedra van gastar unha media de 23,93 euros máis este nadal 2016 con respecto ao nadal de 2015.
Na Boa Vila, cada pontevedrés, segundo o estudo realizado, vai gastar 403,91 euros de media, un 9% máis que no ano 2015 durante as festas.
Para o comercio a de Nadal é a campaña máis importante do ano polo seu volume de gasto, obviamente é o caso das xogueterías que nestas datas tan sinaladas facturan o 65% das vendas de todo o ano. Pero tamén son un fito destacado nas vendas de produtos de electrónica en xeral, sendo os máis demandados os smartphone, tabletas e videoxogos.
Espérase que a comarca de Pontevedra facture unhas vendas estimadas de máis de 48 millóns de euros, dos cales a cidade de Pontevedra absorbe en vendas aos demais concellos da comarca acaparando o 69% do total.
A comarca do Salnés facturará unha cifra estimada dun pouco máis de 38 millóns de euros, dos cales Vilagarcía de Arousa con case 13 millóns de euros.
Destacan as vendas estimadas na comarca de Vigo que factura case 164 millóns de euros, dos cales a cidade de Vigo vende o 71%, que son 115 millóns de euros.