Galiza Nova reivindica 'Rebaixas si, pero non de dereitos'
Por Redacción
O inicio da tempada de rebaixas de inverno veu marcado este ano por un tono reivindicativo. Integrantes da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, desprazáronse na tarde deste sábado ata o epicentro da vida comercial de Pontevedra, a rúa Benito Corbal, para denunciar a precariedade laboral ligada a esta época de descontos coa campaña 'Rebaixas si, pero non de dereitos'.
Os mozos de Galiza Nova repartiron panfletos informativos e estenderon unha pancarta co lema 'Non ás rebaixas laborais. Por un emprego digno e sen explotación'. Entre eles estaba a responsable comarcal da organización, Sabela Bará, que denunciou que esa precarización é "moi evidente" no comercio e no sector téxtil e mentres os lucros das grandes empresas multinacionais non deixan de medrar, "os nosos dereitos e salarios continúan minguando".
A voceira da agrupación reclama que "non podemos continuar a tolerar" como se rebaixan as condicións laborais da mocidade e do conxunto da clase traballadora.
Galiza Nova anuncia que dentro desta campaña seguirán a realizar accións na rúa nos próximos días para concienciar á poboación e denunciar a precariedade laboral. Ademais, impartirán charlas informativas en centros de Formación Profesional.