Papá Noel pasea por Ponte Caldelas antes de repartir os agasallos da noite
Por Redacción
Nunha calesa tirada por cabalos. Así entrou este sábado Papá Noel, contra as once da mañá, na vila de Ponte Caldelas. Fíxoo horas antes de comezar co seu tradicional reparto de agasallos durante a Noiteboa.
O paseo, organizado polo Concello dentro da programación de Nadal, contou coa colaboración de Hípica Amazonas.
Despois dun percorrido polas rúas do centro, a comitiva dirixiuse ao Centro Cultural para chegar sobre as 12 horas. Unha longa fila de rapaces xa agardaba polo personaxe, que tardou case dúas horas en despachar todas as peticións dos nenos e nenas que viviron a xornada con auténtica emoción.
O Concello programou tamén unha toma das uvas anticipada para as 12 horas do sábado 31, día da Noitevella. Será ao pé do reloxo do Centro Cultural, onde haberá un gran ambiente, especialmente pensado para os máis cativos. Xa á noite, a partir da 1 da madrugada comeza a gran festa de Noitevella na Alameda, coa actuación da orquestra Principal.
Finalmente, o 4 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis de Ponte Caldelas, un evento que sempre concita a asistencia de numeroso público. Será a partir das 18 horas polo percorrido habitual.
A principal novidade deste ano chega coa incorporación do servizo de ludoteca gratuíta para os compradores que entreguen un boleto por valor mínimo de 10 euros no comercio local.