Ponte Caldelas estrea unha novidosa iluminación de Nadal
Por Redacción
Ponte Caldelas estrea unha iluminación de Nadal novidosa que inclúe, por vez primeira, unha árbore decorativa.
O equipo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, optou por mellorar as prestacións da iluminación de Nadal e para elo cambiouse a empresa que viña realizándoa durante os últimos anos. O resultado son 45 arcos con deseños atractivos e todos eles con combinacións de cores, ademais de varias banderolas apegadas aos farois nas rúas onde polo ancho ou por imposibilidades técnicas foi imposible colocar arcos.
O elemento máis significativo foi a gran árbore branca, deseñada con polas e nunha forma máis tradicional en lugar dos habituais conos. A árbore, situada a carón da fonte da praza do Bispo, érguese case 10 metros. A estrutura despertou inmediatamente moita expectación e xa foron moitos os caldeláns que fixeron unha foto de recordo xunto a este elemento na primeira noite.
A iluminación ocupa todas as rúas da vila e está enteiramente configurada con bombillas de tipo led, polo que o consumo eléctrico é moi reducido. Ademais, este ano coincide coa renovación completa de toda a rede de iluminación pública, onde foron substituidas as lámpadas de vapor de sodio por modernas luminarias con esta tecnoloxía.
O goberno local está moi satisfeito co resultado.