O PSOE ofrece "estabilidade" ao goberno do BNG máis aló do orzamento de 2017
Por Alejandro Espiño
Os socialistas están dispostos non só a aprobar o orzamento municipal para 2017 senón a ofrecer "estabilidade" ao BNG para garantir a "gobernabilidade" do Concello. Así o destacou o portavoz do PSOE, Agustín Fernández, tras a primeira reunión que mantivo cos nacionalistas para negociar as contas municipais do próximo ano.
Foi unha reunión, explicou, "cordial e moi distendida" na que Fernández, que estivo acompañado da concelleira Paloma Castro, entregou ao BNG -representado por Raimundo González e Carme da Silva- un documento de bases no que se inclúen os aspectos "fundamentais" que queren negociar co goberno municipal.
"Estamos aínda lonxe pero hai un camiño que temos que percorrer", sinalou o líder socialista, que reiterou que o PSOE se presenta a esta negociación "sen liñas vermellas" pero con asuntos que, na súa opinión, son "importantes" para o conxunto dos pontevedreses.
En liñas xerais, segundo desvelou Agustín Fernández, os socialistas piden unha formulación "diferente" para o orzamento municipal. Os orzamentos, asegura, "son os que son" pero sobre ese documento "se lle pode dar unha volta" e prestar unha maior atención á reactivación económica e ás políticas sociais do concello.
Así, en materia de fiscalidade os socialistas piden que se inclúan bonificacións no IBI para as vivendas que non teñan saneamento ou abastecemento ou que se modifiquen os impostos de obras e construcións ou a viñeta do coche, premiando aos vehículos menos contaminantes. Tamén piden novas ordenanzas para a telefonía móbil e os vaos.
Entre outras medidas, o PSOE expón un plan de emprego ou axudas á contratación, un plan de rescate a familias con dificultades, o compromiso de execución das vías sanitarias, que se estude a remunicipalización do servizo de augas, que incrementen as subvencións aos clubs deportivos ou que se eliminen as direccións xerais no Concello.
Ademais, reclaman que se faga un estudo de viabilidade do plan de compostaxe, que se redefinan a localización dos novos equipamentos deportivos, que se contemple a construción dun módulo de ximnasia na parte traseira do pavillón municipal, que se aumente o número de traballadores sociais ou que se mellore a mobilidade ciclista.
CUESTIÓNS MÁIS ALÓ DO ORZAMENTO
Agustín Fernández explicou que o PSOE quere negociar co BNG outras cuestións que non teñen contido orzamentario. Neste sentido, os socialistas queren redefinir os contidos dos convenios coa Deputación, ou que se axilicen os trámites para a recuperación dos terreos da Xunqueira de Alba.
Tamén esperan que se aprobe un novo regulamento de participación cidadá, que se cree unha comisión para modificar a normativa que rexe os plenos -que quere presidir o PSOE-, que se inclúa o tren no plan de transporte metropolitano, que se regulen os consellos parroquiais ou que se cree unha mesa de traballo para dar "pasos en positivo" para lograr a saída de Ence da ría, na que estean presentes todas as administracións.
Ambas as partes volverán reunirse este xoves para avanzar nas negociacións, xa sobre propostas concretas e en base ás cesións que ambas as partes están dispostas a realizar para tratar de chegar a un acordo.
Relacionadas:
-
Cidadáns presenta emendas ao orzamento municipal valoradas en máis de 600.000 euros
Por Redacción |
-
O Concello confía en que algún partido "rectifique" e apoie o orzamento para 2017
Por Alejandro Espiño |
-
A aprobación do orzamento, misión case imposible: BNG e PSOE rompen negociacións
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello non desbota vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza
Por Alejandro Espiño |
-
"Non" do PP ao orzamento municipal: Moreira ve "insuficientes" as cesións do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño |