O Concello non desbota vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza
Por Alejandro Espiño
A aprobación do orzamento municipal de 2017 ameaza con sacudir a vida política local nesta recta final do ano. Ao BNG esgótanselle as opcións para aprobar no pleno as contas para o próximo exercicio. O goberno traballa xa sobre a posibilidade de que o orzamento actual teña que ser prorrogado ante a falta de acordo, pero van mesmo un paso máis aló.
O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que a prórroga do orzamento "non sería bo" nin para os pontevedreses nin para o funcionamento do Concello. Afectaría os fondos europeos que recibirá Pontevedra a partir do próximo ano e, pola normativa estatal en materia de estabilidade e teito de gasto, "estariamos tres anos pagando as consecuencias".
Por iso, ademais dunha posible negociación co PSdeG-PSOE, o BNG abre a porta para vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza. "Espero non ter que chegar a esa situación", sinalou González.
Este trámite implicaría que, despois de que o pleno non aprobe os orzamentos, o goberno someta a continuidade de Lores como alcalde a unha cuestión de confianza. É unha iniciativa similar a unha moción de censura, pero impulsada desde o grupo de goberno.
A oposición tería un mes de prazo para buscar un candidato alternativo a alcalde e, en caso de non logralo, manteríase Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do Concello e os orzamentos quedarían automaticamente aprobados. Esta moción de confianza só se pode presentar unha vez ao ano, ata un máximo de dous ao longo de todo o mandato.
Sexa como sexa, o BNG asegura que por agora mantén a súa "folla de ruta". O equipo de goberno espera entregar este venres á oposición o proxecto definitivo de orzamentos e iniciar os trámites para o seu debate no pleno.
Raimundo González reiterou que o orzamento de 2017 é "moi bo" e contou cunha participación "elevadísima" de asociacións e colectivos sociais da cidade, ao recoller propostas de todas estas organizacións e integralas nas contas para o próximo ano.
Por iso, o edil do BNG espera que a oposición "reconsidere a súa postura" e apoien un orzamento ao que "ninguén puxo trabas fortes". Ademais, asegurou que o PP "botouse atrás" por presións externas, do mesmo xeito que Cidadáns o pasado ano "que mesmo convocaran unha rolda de prensa para anunciar o seu voto a favor".
"Espero que a próxima vez todos estes grupos nos manden a negociar aos que teñan capacidade de decisión", destacou.
O PSOE, DISPOSTO A NEGOCIAR
Tras as negativas xa anunciadas de Partido Popular, Marea e Cidadáns, ao BNG só lles queda unha opción para aprobar en pleno o orzamento para 2017: o PSdeG-PSOE. O seu portavoz, Agustín Fernández, explicou este martes que os socialistas están dispostos a buscar "puntos de encontro" co equipo de goberno.
"Temos interese en que Pontevedra teña un orzamento axeitado", sinalou Fernández que, en todo caso, advertiu quen debe tomar a iniciativa para negociar é o goberno municipal. "Non debería haber grandes dificultades salvo que manteñan a súa actitude soberbia", dixo o líder socialista que insta ao BNG a "reflexionar".
O edil do PSdeG-PSOE explicou que a esa negociación non irá con liñas vermellas porque "esa non é a nosa filosofía", pero si adiantou que buscarán unha maior importancia das partidas destinadas á promoción económica e que se detallen máis as partidas xenéricas. Iso si, advirte que queren "falar de todo" e negociar máis aló do orzamento.
Relacionadas:
-
O goberno local denuncia un pacto da oposición para atacar o modelo urbano e o plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello confía en que algún partido "rectifique" e apoie o orzamento para 2017
Por Alejandro Espiño |
-
A aprobación do orzamento, misión case imposible: BNG e PSOE rompen negociacións
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE ofrece "estabilidade" ao goberno do BNG máis aló do orzamento de 2017
Por Alejandro Espiño |
-
"Non" do PP ao orzamento municipal: Moreira ve "insuficientes" as cesións do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño |
-
Marea avanza o seu "non" ao orzamento municipal: "Son receitas que asumiría Donald Trump"
Por Alejandro Espiño |