O Concello confía en que algún partido "rectifique" e apoie o orzamento para 2017
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal mantén intacta a "firme convicción" de que o orzamento municipal para 2017 pode ser aprobado en pleno, a pesar de que a oposición xa anunciou que votarán en contra as contas do próximo ano. Así, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, confía en que algún destes partidos "rectifique" a súa decisión.
O responsable das finanzas municipais explicou que o BNG negociou "ata a extenuación" coa oposición, pero lamentou que estes partidos centrasen os "motivos da discordia" en asuntos que son "alleos" ao orzamento.
O BNG, que fixo entrega este venres á oposición do proxecto definitivo de orzamento para 2017, insiste en que se trata dun documento "moi bo" e que podería asinar calquera partido, xa que ningún deles mostrou un rexeitamento "frontal" a estas contas que ascenderán finalmente a 72,9 millóns de euros.
Este orzamento, dixo, sufriu unha "mellora substancial" coas achegas que realizaron as federacións veciñais e os partidos políticos. Raimundo González destacou, por encima de todo, o "notable" incremento que sofren as partidas destinadas a investimentos directos por parte do Concello.
Neste sentido, o concelleiro de Facenda destacou que os 13 millóns de que destinan para investimentos -un 17,1% máis- supón unha media de 156 euros por habitante, fronte aos 46,01 euros que destina a cidade de Vigo co presuposto que acaban de aprobar. E iso sen contar, explicou, os fondos europeos ou os investimentos que se farán en varios servizos.
Trátase, sinalou, dun esforzo "potente" por parte do goberno municipal que serán sufragados na súa gran maioría con ingresos propios xerados polo Concello, xa que González explicou que unha vez descontados o capítulo de persoal, os gastos correntes, as transferencias de capital ou as amortizacións quedarán uns 8,6 millóns de euros.
Ademais, o edil do BNG destacou que a "boa saúde" do Concello demóstrase que, sen sumar o crédito bancario que se asinará este ano, a débeda municipal ascende a 16,54 millóns de euros, o que supón un 24,15% dos dereitos recoñecidos. Estase "moi lonxe" do máximo legal permitido, do 75%, polo que hai unha marxe duns 33 millóns de euros.
Nos principais capítulos do orzamento, o Concello gastará 540.000 euros máis que en 2015 en pagar aos seus empregados, unha cuestión relacionada coa incorporación do IMD á súa estrutura orgánica. Tamén aumentan en 264.000 euros as transferencias de capital, polo pago das obras de Acuaes.
Redúcense, pola súa banda, en 723.000 euros os gastos correntes e en 42.000 euros os intereses dos créditos formados, mentres que a amortización de débeda tamén se reduce con respecto ao ano pasado, neste caso en 322.000 euros, do mesmo xeito que as transferencias a outras administracións, que caen en 413.000 euros.
En canto ao proxecto xa coñecido, o orzamento definitivo inclúe modificacións importantes como a partida de 100.000 euros para o transporte metropolitano e baixo demanda, 30.000 euros para o Gran Montecelo ou máis diñeiro para escolas deportivas, centros educativos, eventos varios, parques infantís ou xardíns.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra propón recortar en cultura e festas para crear unha renda social e transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez |
-
Cidadáns presenta emendas ao orzamento municipal valoradas en máis de 600.000 euros
Por Redacción |
-
A aprobación do orzamento, misión case imposible: BNG e PSOE rompen negociacións
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE ofrece "estabilidade" ao goberno do BNG máis aló do orzamento de 2017
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello non desbota vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza
Por Alejandro Espiño |