México conquista a Sétima Feira
Por Redacción
A Sétima Feira chegará este sábado con máis cor que nunca grazas a Frida Kahlo. A artista será a gran protagonista da nova edición deste evento que busca promocionar a praza de abastos de Pontevedra e, por extensión, toda a cultura mexicana.
O primeiro andar da praza acollerá, de 11.00 a 15.00 horas, este mercado de moda e arte. Nel, mentres os nenos afondan na vida e obra da artista mexicana, os maiores poderán achegarse ao traballo de novos creadores como Alba Castillo e as súas magníficas ilustracións ou Olalla Osorio e o seu mimo polo ben feito.
Toda esta creatividade estará amenizada polo DJ JC e ás 12.30 horas estará o pontevedrés Gonzalo Maceira e a súa banda Iñaki & Garfunkel nun estupendo concerto.
No espazo gastro van mesturar Galicia e México e tamén está previsto recrear unha voda mexicana. Desta parte da feira encargarase a empresa pontevedresa Elefantes de Cacharrería.
Como novidade a Concellaría de Promoción Económica pretende que Sétima Feira sexa unha plataforma para dar a coñecer e facer de impulso a todos os novos proxectos da cidade. Nesta ocasión poderase ver o que fai a xente de Thunders Love, ademáis de participar no sorteo dun lote de produtos da marca.
Nesta Sétima Feira, ademais, participarán cos seus respectivos postos Peixe Nero (cerámica), Lovely Blanca (bolsos), Cru e Un (decoración), Cavalinho do Demo, LAG (serigrafía), La casa taller (pintura), María Viqueira (moda), Cristina Pontanilla (fotografía), Leonlagata (xoiería en cerámica), Colectivo Matriz (teas de autor e ilustración), Black Whale Project (moda e complementos), Sempre Flowers (tocados) y Degerónimo (mochilas e sacos).