Trae estas cousas á Sétima Feira máis solidaria e serás de gran axuda
Por Redacción
Como cada segundo sábado do mes, esta semana volve a Sétima Feira á praza de abastos de Pontevedra e, nesta ocasión, farao combinando a creatividade do evento coa súa faceta máis solidaria. Entre as 11.00 e as 15.00 horas, durante as actividades desta iniciativa, realizarase unha recollida solidaria de alimentos e xoguetes novos en beneficio de RedeAxuda e a Fundación Amigos de Galicia.
As necesidades alimenticias que se solicitan desde a Fundación Amigos de Galicia son leite, por ser alimento esencial para os nenos; cacao; aceite; e produtos típicos de Nadal para que todas as familias teñan dereito a unhas boas festas. Ademais, a entidade solicita que nesta ocasión non se doen produtos como pastas, arroces ou legumes, por tratarse de necesidades xa cubertas pola Fundación.
Ademais, recolleranse xoguetes novos que serán entregados aos nenos de 0 a 8 anos das familias que se atenden desde a fundación. En total, este ano prevese repartir 2.958 en Galicia. No caso de Pontevedra, desde que comezou este ano 2016 ata novembro atenderon a 265 familias.
Na atención do posto de recollida de alimentos e xoguetes novos da Fundación colaborarán o alumnado e unha monitora da Especialidade Dirección e Coordinación de tempo libre educativo infantil e xuvenil do Obradoiro de Emprego que organiza o Concello de Pontevedra. Alumnado do Obradoiro de Emprego da especialidade Implantación e Animación Comercial elaboraron un vídeo divulgativo da actividade.
En canto ao evento en se, este mes dedícase a Sétima Feira Infantil ao director e ilustrador Tim Burton, achegándonse dun xeito lúdico á súa filmografía. Como novidade, e debido á gran demanda, inaugúrase a Sétima Feira Mini, con talleres para nenos de 2 a 5 anos. A entrada é gratis, pero é necesaria inscrición previa en setimafeira@pontevedra.gal ou directamente e por orde de chegada na praza de abastos.
Nesta Sétima Feira do 10 de decembro participan artistas como Bea Sieiro, Basilisa ou a marca pontevedresa Miolos Design. Ademais, Polo correo do vento presentará o seu novo libro, Un ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño. A banda sonora poñeraa o DJ Charlie e ás 13.00 horas o ouro pontevedrés Via Sete. O espazo gastro asúmeo Elefantes de cacharrería, con Cociña de Sally e Mis galletas y otras cosas.
Relacionadas:
-
Sétima Feira con Cuba como eixo protagonista
Por Redacción |
-
Este Nadal nin un neno sen chuches
Por Oskar Viéitez |
-
Imaxinación e solidariedade na Sétima Feira
Por Redacción |
-
A Sétima Feira organiza unha recollida de alimentos e xoguetes novos
Por Redacción |
-
México conquista a Sétima Feira
Por Redacción |
-
Quince creadores pontevedreses participarán na primeira Sétima Feira
Por Redacción |
-
A 'Sétima Feira' sacará á rúa a arte e a moda dos creadores e emprendedores un sábado ao mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |