Ultiman o traslado de toda a atención turística municipal ao Palacete das Mendoza
Por Alejandro Espiño
A unificación de todos os puntos de información turística do municipio no Palacete das Mendoza, actual sede de Turismo Rías Baixas, está cada vez máis preto. Concello e Deputación avanzarán, nunha reunión que se celebrará este luns, no traslado a esas instalacións de todas as oficinas de turismo que dependen da institución municipal.
Así, o Concello retirará os dous puntos de atención turística que ten actualmente na Praza de España e nas inmediacións da estación de tren, e trasladará tamén a oficina situada na Casa dá Luz. Todo iso será "canto antes", segundo confirmou a PontevedraViva a concelleira Anabel Gulías, encargada da área de promoción económica e turismo.
O acordo coa deputación provincial está "moi avanzado", explicou a edil do BNG. Nesta reunión do luns preténdese pechar todos os asuntos pendentes e establecer un sistema de traballo coordinado entre as dúas institucións.
Anabel Gulías asegura que a tendencia cara á que se busca camiñar con esta unión é que os servizos de atención a turistas que se agruparán na sede de Turismo Rías Baixas acaben sendo atendidos polo mesmo persoal. Pero por agora, non será así. As persoas que atenden as consultas de turistas na Casa da Luz trasladaranse ao Palacete das Mendoza.
E que pasa coa oficina de turismo da Xunta? O goberno galego mostrou a súa disposición para trasladar tamén as súas instalacións da rúa Marquesa á avenida de Santa María, pero as recentes eleccións autonómicas pausaron o acordo. O Concello espera retomar estas conversacións nas próximas semanas.
USOS DA CASA DA LUZ
Ao centralizar na sede de Turismo Rías Baixas toda a información que se ofrece aos turistas que visitan Pontevedra, que terán a partir de agora o Palacete das Mendoza como único referente, a Casa da Luz reforzará o seu papel como sede de eventos.
Segundo explican desde o Concello, o emblemático edificio da Praza da Verdura, ademais de seguir albergando as dependencias da concellería de Promoción Económica -e da empresa municipal de Turismo-, manterá o seu uso como centro de recepción de visitantes.
Ademais, acollerá exposicións, conferencias, cursos e presentacións de iniciativas públicas e privadas, entre outros.
Relacionadas:
-
Instalan tres grandes paneis para ofrecer información aos turistas
Por Redacción |
-
A oficina municipal de turismo faise oco no Palacete das Mendoza
Por Oskar Viéitez |
-
A caseta de turismo de Montero Ríos xa é historia
Por Mónica Patxot |
-
"Espectaculares" datos turísticos en outubro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Palacete das Mendoza, principal candidato a converterse na sede única de turismo na cidade
Por Redacción |