O Palacete das Mendoza, principal candidato a converterse na sede única de turismo na cidade
Por Redacción
Santos Héctor e Anabel Gulías, responsables de Turismo na Deputación provincial e no Concello de Pontevedra reuníronse este xoves 3 de decembro para axuntar esforzos entre ambas as institucións para potenciar a chegada de turistas á cidade e establecer un sistema de traballo coordinado.
Desta forma, un dos principais temas que se expuxeron foi a de unificar os servizos de turismo existentes na cidade. Neste momento existen tres sedes de Turismo correspondentes á administración local, provincial e autonómica.
Segundo explicou a concelleira de Turismo, Anabel Gulías, o obxectivo é manter unha reunión coa Xunta de Galicia para buscar unha solución e tentar deixar unha única sede referente para os turistas, que sería o Palacete das Mendoza situado na avenida de Santa María. A Casa da Luz, dependendo do Concello, seguiría trasladando información, pero converteríase nun espazo para máis usos e eliminaríase a caseta do Punto de Información turístico situado na Alameda.
Gulías indicou que a caseta da Alameda, ante a praza de España, conta cun custo de mantemento moi elevado e, por ese motivo, entende que o ideal sería eliminalo. A concelleira tamén sinalou que carece de sentido que, na actualidade, cada sede teña un mapa distinto do municipio.
A concelleira engadiu que ambas as institucións manterán reunións periódicas para fomentar os atractivos turísticos de Pontevedra e promover accións conxuntas destinadas a mellorar propostas como a do Camiño Portugués a Santiago.
Relacionadas:
-
A oficina municipal de turismo faise oco no Palacete das Mendoza
Por Oskar Viéitez |
-
Ultiman o traslado de toda a atención turística municipal ao Palacete das Mendoza
Por Alejandro Espiño |
-
Turismo promocionará Pontevedra a través de clubs deportivos que xoguen fóra de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Os turistas van a máis na comarca
Por Redacción |