A caseta de turismo de Montero Ríos xa é historia
Por Mónica Patxot
Operarios municipais procederon este luns á retirada da caseta de información turística ubicada na avenida de Montero Ríos. É un paso adiante no proxecto de unificación dos servizos de información e atención ao visitante que hai na cidade e que dependen de tres administracións: Concello, Deputación Provincial e Xunta.
No lugar que estaba a caseta instalarase un panel cunha sinalética que marcará a localización das oficinas de turismo "que agardamos que pronto sexa unha" subliñou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.
"Non creo que ter catro puntos de información nun radio inferior a un quilómetro sexa prestar un bó servizo" engadiu a concelleira que aposta por aunar recursos e racionalizar a situación.
A Casa da Luz (do Concello), o Palacete das Mendoza (da Deputación) e a Oficina de Turismo da rúa Riestra (da Xunta) seguen polo momento abertos como puntos de información ao visitante.
Desde o goberno aseguran que, pola súa banda, seguirán adiante coa decisión de unificar os puntos de información, independentemente dos trámites que teña que seguir a Deputación para cumprir con este acordo.