Ponte Caldelas rectifica e manterá parte da verbena da Festa da Troita
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas intentará salvar a verbena da Festa da Troita a pesar de que nas últimas horas se chegou a anunciar o seu aprazamento para o mes de agosto. Logo de recibir peticións veciñais para que se mantivera o espectáculo, na tarde deste mércores contratouse unha gran carpa que cubrirá a totalidade da superficie da Alameda.
A carpa permitirá salvar parcialmente o espectáculo musical da noite do sábado a pesar das malas previsións meteorolóxicas que hai para a zona dende este venres ata o domingo. Segundo indica o Concello, a insistencia dos veciños foi tal que levou a buscar unha solución alternativa, unha macro-carpa de 10 metros de ancho e máis de 250 metros de lonxitude.
A decisión tamén se baseou en que houbo unha certa melloría nas previsións de MeteoGalicia, pois se ben segue a haber unha probabilidade dun 80% de choiva entre o venres e o domingo, durante a noite do sábado, a probabilidade baixou ao 40%. O que provoca máis inquedanza nas oficinas da Alcaldía é a posibilidade de tormenta eléctrica.
Das dúas orquestras anunciadas (Gran Parada e Pontevedra), só actuará a primeira, pois só é posible instalar un camión-escenario nun estremo da estrutura portátil. A orquestra reforzará as medidas de seguridade para protexer os equipos eléctricos. Diante da imposibilidade de colocar á segunda orquestra nun lugar visible e sen mermar a seguridade, optouse por descartala.
O Concello tamén tomou a determinación de suspender o resto de actuacións ao aire libre. Unha medida que afecta especialmente ao festival folclórico da tarde do domingo, que estaba a cargo de Os Coribantes e A Roda, pois só podía celebrarse no palco municipal, situado fóra da carpa.
Relacionadas:
-
Satisfactorio balance da L Festa da Troita
Por Redacción |
-
"O peixe máis bonito do mundo" xa ten escultura en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ábrese a gran carpa da Alameda de Ponte Caldelas para acoller a Festa da Troita
Por Redacción |
-
"Polo río abaixo van 300 troitas de pé..."
Por Redacción |
-
Dúas carpas cubrirán toda a Alameda de Ponte Caldelas para a Festa da Troita
Por Redacción |
-
Troitas para todos en Ponte Caldelas
Por Redacción |