Troitas para todos en Ponte Caldelas
Por Redacción
A Festa da Troita chega a Ponte Caldelas esta fin de semana pero xa foron moitos os veciños que probaron este suculento peixe por adiantado. Máis de 1.000 racións de troita servíronse nas últimas semanas nas Casas do Pobo de todo o municipio.
"Quixemos levar a Festa da Troita a todos os recunchos do municipio e creo que acertamos coa idea", subliñou Andrés Díaz, quen engadiu que as propias degustacións permitiron estreitar contactos coa veciñanza "que sempre ten cousas que dicir, e o noso deber é escoitala".
O calendario mesmo foi ampliado con dous citas máis, a petición veciñal. Entre elas a de mañá, mércores, en Rego do Bargo, coa que se remata esta xira de 26 degustacións que comezou o 30 de abril en Xustáns e nas que, por só tres euros, os veciños puideron degustar troita fritida ou en escabeche, viño e pan.
O goberno local de Ponte Caldelas está convencido de que esta actividade, pensada para descentralizar a festa e levala por todas as parroquias xa é inamovible e formará parte do programa durante moitos anos.
"Creo que había unha parte da poboación que sentía que a Festa da Troita era cousa da vila, e agora xa se deron conta de que é cousa de todos e todas", reflexionou o alcalde.
Andrés Díaz tamén quixo agradecer expresamente a colaboración de José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Enrique Lafuente, Sandra Gil e José Manuel Corbacho, o grupo de cociñeiros que participou no evento de xeito desinteresado, e que fixo posible unha actividade que dá un pulo especial á 50 edición da Festa da Troita.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas rectifica e manterá parte da verbena da Festa da Troita
Por Redacción |
-
"Polo río abaixo van 300 troitas de pé..."
Por Redacción |
-
Dúas carpas cubrirán toda a Alameda de Ponte Caldelas para a Festa da Troita
Por Redacción |
-
Posta a punto do ámbito do Verdugo para a Festa da Troita
Por Redacción |
-
Unha escultura de Ortiz conmemorará os 50 anos de historia da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Unha troita de bandeira, imaxe das vodas de ouro da Festa da Troita
Por Redacción |