Reducir a velocidade a 50 km/h na PO-11 rebaixaría o risco de morte por impacto a un ciclista do 95 ao 45%
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Os representantes do colectivo ciclista Masa Crítica continúan alertando da preocupación que existe entre os ciclistas deportivos ao estar obrigados para acceder a Marín a utilizar a estrada vella ao entender que as grandes grupetas de ciclistas deportivos corren importantes riscos por esa vía pola que transitan numerosos autobuses e 300 camións diarios de gran tonelaxe que acceden a Ence, segundo apunto Quique Pérez da agrupación ciclista.
Por ese motivo insisten en que se reduza a velocidade na avenida de Marín, a PO-11, que une pola costa Pontevedra coa vila do Morrazo e, desta forma, permítase o acceso, de novo, aos ciclistas por ese vial. Sinalan que rebaixar a velocidade de tránsito minimizaría as consecuencias dun alcance. Segundo expuxo, Manuel Torres de Masa Crítica, a 80 km/h. a probabilidade de morte sitúase entorno ao 95% mentres que a 50 km/h. é de 45%.
Así llo trasladaron ao voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, durante unha reunión mantida este venres no Concello de Pontevedra. Moreira indicou que non estaba de acordo coa proposta da redución de velocidade na PO-11 ao entender que os condutores non o respectarían e entende que a mellor medida é a actual prohibición para que circulen por este vial. Anunciou en cambio que se van instalar na PO-546, estrada que depende da Xunta, uns carteis alertando da presenza de ciclistas para que os condutores doutros vehículos recorden que teñen que gardar a distancia de seguridade.
Moreira engadiu que ten plena confianza na construción da pasarela recreativa para ciclistas pola ría que prometeron antes das eleccións a ministra de Fomento e a de Medio Ambiente. E engadiu que está contemplada nos presupostos, aínda que recoñeceu descoñecer en que partida.
Por outra parte, o voceiro popular reclama do goberno local que non se acometa ningunha obra de humanización de rúas sen levar aparellada a instalación dun carril bici. Lamentou que non se previse esta circunstancia na remodelación da avenida de Vigo. Ademais, dende o PP queren impulsar unha nova normativa local de circulación, xa que a actual se remonta ao ano 1989 e quedou desfasada.
Relacionadas:
-
O colectivo ciclista agradece o acordo político para mellorar a súa seguridade viaria
Por Oskar Viéitez |
-
Marea esixe a reforma integral da vella estrada a Marín e o traslado do tráfico pesado á PO-11
Por Redacción |
-
Os ciclistas propoñen a entrada de vehículos pesados a Ence pola avenida de Marín
Por Redacción |
-
Masa Crítica pide que a "autovía" de Marín se limite a 50 km/h. para que volvan circular os ciclistas
Por Redacción |
-
Masa Crítica e o PP dan conta dos problemas de convivencia que se producen na actualidade entre bicicletas e peóns
Por Redacción |
-
A Garda Civil incrementa a presencia do rádar na estrada vella de Marín
Por Oskar Viéitez |