Sanxenxo suma o maior número de praias con bandeira azul, Marín logra unha cuarta para O Santo
Por Oskar Viéitez
"É un enorme orgullo como alcaldesa que Sanxenxo sexa este verán, por décimo terceiro ano consecutivo, o municipio de España con máis Bandeiras Azuis nas súas praias", comentou este xoves Catalina González despois de que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) fixese pública a lista de galardóns nacionais correspondentes á campaña 2015.
Serán doce os distintivos que ondearán este verán nos areais de Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada; aos que se suma o outorgado ao Porto Deportivo Xoan Carlos I, en Sanxenxo, -que conta tamén coa prestixiosa 'Q de Calidade' -; e o do Centro de Interpretación Ambiental As Telleiras, situado en Vilalonga; así como o do C.N de Portonovo, que foi xestionado directamente por esta entidade.
Ademais, o paseo costeiro de 9,9 quilómetros existente entre Caneliñas (Portonovo) e o Porto Deportivo de Sanxenxo recibiu por primeira vez na historia a denominación internacional 'Sendeiro Azul'.
As obras que o Ministerio de Medio Ambiente está a realizar en Paxariñas para a contención do noiro rochoso, que culminarán este mes, provocaron que o areal non conte este verán coa Bandeira Azul, "aínda que si con todos os servizos dos que dispoñen as praias galardoadas como socorristas, balizamento, entre outros", apuntou a alcaldesa ao tempo que recordou que a cualificación das súas augas é 'excelente'. Tamén a perdeu a praia de Caneliñas.
GALICIA SEGUE Á CABEZA DE TODA ESPAÑA
Un ano máis, Galicia mantense como a comunidade autónoma con maior número de bandeiras azuis nas súas praias. Chega a 131 distintivos, oito máis que o ano pasado. Séguelle a Comunidade Valencia, que obtivo 120. A eles súmanse as 19 bandeiras azuis que logran os portos deportivos repartidos por toda a xeografía galega, aos que só superan as 25 logradas por Cataluña.
Ademais das doce logradas por Sanxenxo, destacan as dez bandeiras azuis que acumulan as praias de Cangas ou as nove de Vigo.
Pola súa parte, O Grove mantén as seis que logrou o pasado ano para A Lanzada, Raeiros (Paxareiro), Area da Cruz, Area Grande, Area das Pipas e Area de Reboredo; mentres que Marín chega a catro, xa que ademais de revalidar o distintivo para Aguete, Mogor e Portocelo consegue a bandeira para O Santo, areal onde se centraran os esforzos do goberno municipal con numerosas obras para acondicionar todo o seu ámbito.
Bueu repite tamén con catro bandeiras para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán. Ademais, o sendeiro do Udra volve ser Sendeiro Azul e a Aula de Natureza Cabo Udra, Centro Azul. Esta última é o único recoñecemento de todo o Morrazo nesta categoría.
Poio volve ver recoñecidas aos areais de Xiorto e Cabeceira e dous logran tamén A Illa de Arousa para Area do Secada e Camaxe e Vilagarcía de Arousa para Campanario e Preguntoiro. A lista a completa Ponte Caldelas, coa primeira bandeira azul para unha praia fluvial galega, A Calzada.
En canto aos portos deportivos, Combarro perde a bandeira azul coa que contaba dende hai anos, mentres que a manteñen ademais do de Sanxenxo, as instalacións de Portonovo, San Vicente do Mar (O Grove) e Vilanova de Arousa.
Relacionadas:
-
Seis socorristas vixían ata o 15 de setembro as dúas praias de Poio con bandeira azul
Por Redacción |
-
Os concellos recollen as súas bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Adxudican os servizos de quioscos, canoas e hidropedais nas praias de Marín
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas fai historia conseguindo a primeira bandeira azul para unha praia fluvial
Por Oskar Viéitez |
-
A auga das praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Praia do Santo é "excelente"
Por Oskar Viéitez |
-
As praias de Sanxenxo estarán vixiadas dende xuño a setembro por 52 socorristas e sanitarios
Por Redacción |