Adxudican os servizos de quioscos, canoas e hidropedais nas praias de Marín
Por Redacción
Ata finais de outubro estarán operativos os servizos de quioscos, canoas ou hidropedais nas praias de Marín. O goberno municipal procedeu este luns a aprobar as concesións deste tipo de negocios complementarios nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira.
Trátase dos quioscos expendedores de bebidas, terrazas, hidropedais e canoas que, segundo o Concello, "xeran un maior servizo ás praias e a posibilidade dunha explotación para o adxudicatario".
O quiosco máis disputado foi o de Portocelo. Presentáronse un total de seis ofertantes, sendo a adxudicataria Silvia Martínez Canosa, que presentou unha oferta de 4.524 euros. Trátase dun quiosco de 8 metros cadrados e unha terraza de 31 metros cadrados. Ademais, as oito canoas serán explotadas por Rubén Miracles Ortiz, que pagará 1.051 euros.
Pola súa banda, Mogor ofrecía un quiosco de similares medidas que Portocelo e a mesma terraza. Presentáronse catro ofertas e a máis vantaxosa foi a de Mario Castro López, que 3.125 euros. Tamén se encargará da xestión dos dez hidropedais por outros 1.026 euros.
Na praia de Aguete adxudicouse ao único ofertante que puxou, Lino Regueira Palleiro, un quiosco de 8 metros cadrados e cunha terraza de 19 metros cadrados por un importe de 1.090,05 euros. Quedou deserta a adxudicación de seis hidropedais, ao non se recibir ningunha proposta.
En Loira, por último, ofrecíase un quiosco de 12 metros cadrados e unha terraza de 50 metros cadrados, que foi para José A. Muñiz Freijeiro por un importe de 4.480 euros.
Os adxudicatarios, aínda que a maioría deles estaban presentes, serán notificados da adxudicación provisional, quedando á espera de presentar a documentación que figura nos pregos para formalizar a adxudicación definitiva.
Relacionadas:
-
Sanxenxo suma o maior número de praias con bandeira azul, Marín logra unha cuarta para O Santo
Por Oskar Viéitez |
-
A auga das praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Praia do Santo é "excelente"
Por Oskar Viéitez |
-
Marín saca a explotación os quioscos e hidropedais nas praias de maio a outubro
Por Redacción |