Podemos inicia o seu proceso constituínte no ámbito municipal de Pontevedra
Por Redacción
Podemos constituirase como partido na cidade de Pontevedra. A formación que dirixe Pablo Iglesias iniciou o proceso para crear a súa estrutura política na capital da provincia. Faino dende este sábado 6 de decembro coa campaña electoral dos candidatos que integrarán o consello cidadán e os que opten ao cargo de secretario municipal.
Ao igual que no resto de cidades galegas, as candidaturas individuais ou integradas nunha lista terán ata o 25 de decembro para difundir o seu programa político e organizativo. Será entre o 26 e o 30 de decembro cando se poderá elixir as persoas que integren o futuro consello cidadán de Pontevedra.
O número de afiliados a Podemos no municipio ascende, a peche do censo electoral, a 526 persoas, polo que en Pontevedra, o proceso constituínte culminará coa elección dun consello cidadán de 17 persoas antes de fin de ano, do cal sairá o seu secretario municipal.
Neste sentido, o pasado 28 de novembro constituíuse a candidatura conxunta de PontevedraPode, que está integrada por 11 persoas, entre as que se propón un candidato á secretaría municipal.
Esta candidatura recibiu xa o aval do círculo Podemos Pontevedra tras presentar o seu documento político-organizativo, tal e como esixe o regulamento deste proceso, para defender unha alternativa política no marco do proxecto estatal desta formación.
Relacionadas:
-
Marcos Fontán, elixido secretario municipal de Podemos en Pontevedra
Por Redacción |
-
'PontevedraPode' presenta a súa candidatura a dirixir a estrutura local de Podemos
Por Diego Espiño |
-
Podemos Pontevedra busca o seu Pablo Iglesias
Por Redacción |
-
O círculo Podemos Pontevedra estuda a súa postura sobre a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |