Marcos Fontán, elixido secretario municipal de Podemos en Pontevedra
Por Redacción
Podemos concluíu o seu proceso constituínte a nivel local coa elección dos membros que compoñerán os órganos de dirección en 770 concellos de toda España. E, por suposto, tamén en Pontevedra. Na cidade do Lérez o seu secretario municipal será Marcos Fontán Cortizo, que encabezaba a lista de PontevedraPode, tras sumar 103 votos das 138 persoas que participaron neste proceso, un 84,43% do total.
O outro candidato, José Ángel Araújo, que concorría baixo a denominación Queremos Boa Vila, logrou 19 votos (un 15,57%). Os votos en branco foron 16.
Ademais, neste proceso constituínte elixíronse tamén os representantes que formarán parte do consello cidadán de Podemos en Pontevedra. Serán en total once persoas, encargadas do día a día do partido que dirixe Pablo Iglesias na cidade.
Xunto con Marcos Fontán como secretario municipal, os outros dez compoñentes do consello cidadán son os que o acompañaban na lista de PontevedraPode: Ronsel María Baleirón, Marcos Cal, Ricardo Ferradás Crespo, Iván Urtaza Coto, Marta Díaz Marcos, Guillemo Casalderrey Rivas, Patricia Díaz González, Ángela Rodríguez Martínez, Aloisio Suárez e Noemí Martínez González.
OUTROS MUNICIPIOS
Ademais de Vigo e Pontevedra, as dúas principais cidades da provincia, Podemos elixiu secretarios xerais noutros 15 municipios pontevedreses. Entre eles, Juan Manuel da Silva Suárez (Vilagarcía de Arousa), Roberto García Estévez (Marín), Esteban Radío García (O Grove), Siso Oubiña Martínez (Vilanova de Arousa) e Luciano Fariña Reboredo (Cambados).
Relacionadas:
-
Marcos Fontán: "Podemos permíteme canalizar a miña indignación para facer deste país outra cousa diferente"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'PontevedraPode' presenta a súa candidatura a dirixir a estrutura local de Podemos
Por Diego Espiño |
-
Podemos inicia o seu proceso constituínte no ámbito municipal de Pontevedra
Por Redacción |