Reclaman a retirada do concurso de acredores dos quioscos de Cogami
Por Redacción
"Buscan beneficios e non teñen en conta ás persoas", así define Isabel Veiga, representante dos traballadores dos quioscos de Cogami en Pontevedra, a política que se está a seguir dende Galega de Economía Social, unha xestión dependente de Cogami que xestiona a Rede Galega de Kioscos.
Por este motivo, este venres a través do sindicato Comisións Obreiras, traballadores de Pontevedra e ex traballadores, pertencentes a quioscos da Estrada, reclamaron a retirada do concurso de acredores formulado pola empresa. José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., indicaba que existe responsabilidade da Xunta de Galicia polo investimento de axudas públicas en Cogami durante os últimos anos e sinala que só se debe un mes aos provedores, unha débeda que non consideran suficiente para acudir ao concurso de acredores.
Segundo indicaban os seis traballadores despedidos na Estrada, que obtiveron unha sentenza favorable por despedimento improcedente que obriga a empresa a pagar 85.000 euros, considéranse os principais acredores da empresa.
Isabel Veiga, representante dos traballadores de Pontevedra, segue denunciando a falta de información, rexeita os datos que ofrece a empresa e entende que a opción de dous antigos xestores da Rede Galega de Kioscos para intentar facerse cargo dalgúns establecementos é unha operación que manexa a propia empresa para manter só a actividade dos quioscos máis rendibles. Actualmente os quioscos xa non contan nin con prensa diaria nin con revistas e só venden flocos de millo, gomas de mascar e gominolas.
Os representantes sindicais afirman que o ERE extintivo supón a perda de 95 postos de traballo en Galicia e os tres sindicatos maioritarios teñen previsto facer unha fronte común para intentar que se retire o concurso de acredores e poida continuar a actividade.
Relacionadas:
-
Á espera dunha luz para os quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Os traballadores dos quioscos denuncian que Cogami se aproveitou da súa discapacidade para obter beneficios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cortan a luz e a auga aos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Un avogado de Santiago será o administrador no concurso da Rede Galega de Kioscos
Por Redacción |
-
Dous traballadores presentarán unha alternativa empresarial para continuar coa actividade nos quioscos de Cogami
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores da Rede Galega de Kioscos concéntranse en contra do ERE extintivo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de quioscos afectados polo ERE extintivo, sorprendidos pola decisión empresarial
Por Redacción |
-
A Rede Galega de Kioscos presenta un ERE extintivo para 16 persoas con discapacidade en Pontevedra
Por Redacción |