Á espera dunha luz para os quioscos de Cogami
Por Redacción
O conflito laboral dos quioscos de Cogami entra na súa fase final. O próximo luns 19 de xaneiro está prevista a última reunión entre os representantes sindicais dos traballadores destes establecementos co liquidador concursal. Aí terán que presentar algunha alternativa de negocio para os locais, segundo indica o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal.
O liquidador entende que algúns dos espazos, xestionados pola Rede Galega de Kioscos, eran rendibles e espera que se poida establecer unha opción empresarial ou a través dos vendedores de xeito individual para dar saída a estes locais comerciais. A partir desa reunión comezará a conta atrás para a liquidación definitiva da Rede Galega de Kioscos.
Pola súa banda, dende a CIG convocan aos traballadores a unha concentración o xoves 15 de xaneiro ante a empresa Galega de Economía Social (GES) en Santiago e denuncian que o equipo leva dende novembro sen cobrar os seus salarios e, nalgúns casos, sen medios para facer fronte ao pagamento de medicamentos dos vendedores, persoas que contan con algunha minusvalidez. Denuncian que a Xunta de Galicia outorga subvencións millonarias para a integración social e laboral sen que despois esixa responsabilidades nestes casos.
Os traballadores de Pontevedra continúan á espera de que o Concello lles achegue electricidade gratuíta a algún dos tres establecementos da cidade situados en Rosalía de Castro, Praza de Galicia e Avenida de Vigo para centrar nese posto toda a actividade á espera de que se resolva a súa situación laboral. Na actualidade só manteñen a apertura dos quioscos durante as mañás pero encóntranse sen os servizos básicos de luz e de auga.
Relacionadas:
-
O Concello extingue a concesión dos quioscos de Cogami
Por Oskar Viéitez |
-
Liberados de pasar frío nos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Os traballadores dos quioscos denuncian que Cogami se aproveitou da súa discapacidade para obter beneficios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cortan a luz e a auga aos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Reclaman a retirada do concurso de acredores dos quioscos de Cogami
Por Redacción |