Os alumnos do Carlos Oroza "quentan motores" para servir un buffet aos Reis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O profesor Antonio Suárez, do CIFP Carlos Oroza, reúne a todos os alumnos con traxe de servizo no centro do comedor e, ao estilo dun adestrador deportivo, corrixe erros e estimula os mozos que participaron na práctica de servizo aos comensais. Os nervios están a flor de pel, este venres 24 estes estudantes xa non servirán a compañeiros e profesores senón ás autoridades que acudirán ao buffet no Hotel Reconquista de Oviedo con motivo da celebración dos Premios Príncipe de Asturias, entre os que se encontrarán os propios Reis de España.
O docente indica que o evento será toda unha experiencia para os alumnos que terán que "involucrarse e competir, que é o que é a profesión en si". E será unha competición de altura con invitados famosos e condimentos de primeiro nivel con mariscos e produtos asturianos que aínda non foron detallados. Por iso, durante estes días, executan as prácticas con diferentes pratos: pastas, arroces en grupos, paellas mixtas, robalizas, dúas carnes, solombo Wellington para trinchar á vista, churrasco, flamenquíns de tenreira... e, como remate, unha ampla variedade de sobremesas.
40 alumnos e 7 profesores do centro pontevedrés acudirán á cita, ademais dos estudantes do Carlos Oroza que xa están no Hotel Reconquista traballando a través da formación dual en empresa a distancia. Son alumnos de segundo curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña e de Dirección de Servizos e poucos poden esconder os seus nervios. Silvia Cal, de 21 anos, exprésao con claridade: "no momento en que nolo dixeron foi chocante. Xusto entramos en segundo e mandan que vaiamos aos Premios Príncipe de Asturias" pero engade que tras o primeiro impacto os profesores "te van animando e van saíndo as ganas adiante".
"ÿ unha responsabilidade", afirma David Durán, outro dos alumnos que se encargará o venres de asistir aos comensais, "porque como teñas algún fallo pode ser unha decepción persoal" pero tampouco se mostra excesivamente preocupado polo trato que teña que manter ante o Rei de España: "dentro do protocolo, trataráselle como a unha persoa normal, co respecto que hai que manter ante unha persoa dese calibre". Silvia e David móstranse moi satisfeitos polo boom que as profesións relacionadas coa hostalaría están a experimentar nos últimos anos, sobre todo coa aparición de numerosos programas televisivos de cociña: "as profesións respecto a hostalaría moderna van aumentar moito. O persoal de sala está a destacar moito. Estámonos a facer máis famosos e iso é moi bonito", indica Silvia.
As saídas profesionais no sector están en aumento. Ana Rodríguez é outra das mozas que se prepara para o grande evento con tranquilidade. Ela conta con máis experiencia, dende que realizou o ciclo medio: "xa quedei traballando na empresa na que fixen as prácticas e sigo traballando no servizo de sala". Por ese motivo, ve a cita en Oviedo como un acontecemento único na súa vida pero que hai que asumilo con calma: "de momento estou tranquila. Levámolo ben e moi ilusionados, con ganas de facelo".
Antonio Suárez conclúe falando do nivel dos alumnos de hostalaría do Carlos Oroza: "aquí hai unha base moi grande, a base en Galicia é o berce e o único que falta é ver outros produtos e abrir un pouco máis a mente". Con ese espírito, o venres 24 esperan conquistar o padal e a atención das súas maxestades, Felipe e Letizia.
Relacionadas:
-
Os alumnos do Carlos Oroza volverán servir o buffet nos Premios Princesa de Asturias
Por Redacción |
-
Iván Liu Zhu, alumno do Carlos Oroza, campión do Concurso Nacional de cociña con Xata Roxa
Por Redacción |
-
Os alumnos da Escola de Hostelería Carlos Oroza saen ao monte na procura de cogomelos
Por Redacción |
-
Cociña asturiana cun 'toque' pontevedrés, menú do Carlos Oroza para os premios Príncipe de Asturias
Por Alejandro Espiño |
-
Unha visita moi especial na Escola de Hostalería o propio Carlos Oroza
Por Redacción |
-
O Carlos Oroza está en 'boa vila': dá de beber (e comer) a quen pasa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |