Cociña asturiana cun 'toque' pontevedrés, menú do Carlos Oroza para os premios Príncipe de Asturias
Por Alejandro Espiño
Con profesionalidade, bo comportamento e saber estar. Así cualifican en Oviedo o resultado do traballo dos alumnos de hostalaría do Carlos Oroza. Foron os encargados de servir o menú do ágape que se celebrou este venres no Hotel Reconquista da capital asturiana tras a entrega dos prestixiosos premios Príncipe de Asturias. Todos eles superaron esta importante reválida e, visto o visto, cunha nota ben alta.
No servizo participaron 40 alumnos e sete profesores do centro pontevedrés, ademais dos estudantes do Carlos Oroza que xa están no Hotel Reconquista traballando a través da formación dual en empresa a distancia. Son alumnos de segundo curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña e de Dirección de Servizos. Unha experiencia única para eles e pola que foron felicitados pola organización.
O menú que serviron os alumnos do CIFP Carlos Oroza estivo baseado en produtos típicos asturianos, pero cun toque pontevedrés. Todos os premiados e as autoridades presentes no acto, encabezadas polos Reis, gozaron duns entrantes compostos por un xamón gran reserva e por seis queixos asturianos: Beyos, Cabrales, Lanzana, Rey Silo, Peñamellera e Ahumado de Pría.
Ademais, puideron degustar unha ensalada mariñeira con lagostinos, mazá e coandro e outra ensalada con ave mariñada, millo, tomates cherry, rúcula e queixo fresco. A continuación, antes dos pratos principais, os alumnos do centro pontevedrés serviron un tartar de salmón salvaxe con vinagreta de amorodos e un espeto de tenreira asturiana con queixo de Cabrales.
A proposta culinaria deseñada para esta ocasión completouse cunha fabada asturiana e un arroz con verduras. E para as sobremesas, escolleron mini carbayones, arroz con leite, miniaturas de froita cortada e un cremoso de iogur con marmelada caseira.
Entre os comensais aos que serviron os alumnos do Carlos Oroza encontráronse, entre outros, o rei Felipe VI e a súa esposa a raíña Letizia, Dona Sofía ou os patróns da fundación que entrega os premios. Tamén estiveron todos os galardoados, entre eles, o debuxante Quino, o arquitecto Frank Gehry, a xornalista Caddy Azduba, os representantes da bolsa Fullbright ou os organizadores do Maratón de Nova York.
Relacionadas:
-
Os alumnos do Carlos Oroza volverán servir o buffet nos Premios Princesa de Asturias
Por Redacción |
-
As obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza licitaranse este mesmo ano
Por Redacción |
-
Diego Cordeiro, cociñeiro do Parador de Cambados, gaña un concurso nacional de tapas
Por Alejandro Espiño |
-
Iván Liu Zhu, alumno do Carlos Oroza, campión do Concurso Nacional de cociña con Xata Roxa
Por Redacción |
-
Os alumnos do Carlos Oroza "quentan motores" para servir un buffet aos Reis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |