Os alumnos do Carlos Oroza volverán servir o buffet nos Premios Princesa de Asturias
Por Redacción
O magnífico labor que se desenvolve na Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra volve ter recompensa ao ser designada outra vez para ocuparse da organización e do servizo do evento dos Premios princesa de Asturias 2015, no primeiro ano en que estes galardóns denomínanse desta forma.
Cincuenta alumnos trasladaranse a Oviedo ese venres 23 de outubro acompañados por seis profesores, segundo a Xunta de Galicia, para servir o buffet do mediodía. Son estudantes dos ciclos de Hostalería, que por segundo ano consecutivo foron seleccionados para servir aos Reyes de España nesta gala.
O conselleiro de Educación, Román Rodriguez e o xefe provincial de Educación, César Pérez Ares, mostraron a súa satisfacción por esta designación que entenden que supón un recoñecemento ao esforzo e ao traballo que os alumnos e profesores realizan nun centro que é referencia no terreo da hostalería en España.
Durante os próximos días, os alumnos realizarán probas dos preparativos do cátering que presentarán nesta gala.
OBRAS NA ESCOLA DE HOSTALERÍA
O conselleiro Román Rodríguez na súa visita este martes 20 a Pontevedra destacou a importancia das obras que se están a acometer na Escola Carlos Oroza cun orzamento superior a un millón de euros. Rodríguez indicou que está previsto que rematen a finais deste ano ou a primeiros de 2016 e salientou que "están avisados os equipos técnicos para que non entorpezan os estudantes".
Restou importancia ás molestias causadas polas obras e que foron criticadas polo sindicato CIG. Román Rodríguez afirmou que son "necesarias" e sinalou que son investimentos de cara ao futuro. Pediu certa comprensión apuntando que "afortunadamente hai pequenas molestias nos centros porque se están facendo obras".
O conselleiro de Educación indicou que tamén se están levando a cabo obras no centro de FP da Xunqueira, traballos que axudarán a mellorar as infraestruturas educativas de Pontevedra.