Todo a punto para o inicio da feira taurina da Peregrina
Por Redacción
Os touros da gandaría Alcurrucén que lidarán Enrique Ponce, Sebastián Castella e Daniel Luque xa descansan no interior do coso de San Roque. Os tres matadores serán os encargados de abrir a programación da Feira da Peregrina. Será este sábado 2 de agosto, a partir das 19.00 horas. A cidade do Lérez será a única localidade galega na que este verán haberá corridas de touros, tras a suspensión da feira da Coruña.
Daniel Luque, que abriu a porta grande de Las Ventas, é un dos grandes atractivos desta feira. Por fin poderase ver unha figura emerxente compartindo terna coas principais figuras da escala, ata agora reticentes a realizar o paseíño cun destro que esixe moito aos seus compañeiros de lida. Acompañarano dous toureiros 'clásicos' en San Roque, Enrique Ponce e Sebastián Castella.
Pola súa parte, Miguel Ángel Perera e Iván Fandiño compartirán touros da gandaría de Victoriano del Río o domingo 3 de agosto. Completará a tarde Julián López, 'El Juli'. A lida comezará tamén ás 19.00 horas.
Nas últimas horas, parece terse intensificado a venda de localidades para estas dúas primeiras corridas da feira. Ademais, operarios e traballadores da empresa que xestiona a praza pontevedresa apuran os preparativos para que o coso estea en perfectas condicións para a lida do sábado. A única preocupación é a mala previsión meteorolóxica, xa que auguran abundantes chuvias para todo o día.
PLAN DE TRÁFICO E SEGURIDADE
Paralelamente aos preparativos taurinos, estase a preparar un operativo especial da Policía Local que deixará os arredores da praza de San Roque listos para a celebración, en condicións de seguridade, dos espectáculos taurinos desta fin de semana.
Desde las 08.00 horas deste sábado 2 de agosto prohibirase o estacionamento nas rúas próximas a Víctor Said Armesto, Campo da Torre e Nostramo Lourido. Será ata as 22:00 horas do domingo. E desde as 14.00 horas (tanto o sábado como o domingo) quedarán peonalizadas as rúas Alameda, Raíña Vitoria, boa parte de Colón e San Roque, así como as que rodean a praza e outras menores, por motivos de seguridade.
Será necesario despregar un total de 25 valados con sinalización efémera. A avenida de San Roque quedará cortada nas Corbaceiras en sentido subida, así como Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á Praza de Touros. Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón. Os vehículos que veñan da Ponte da Barca deberán dirixirse ás Corbaceiras e os que circulen por Irmáns Nodales terán que voltar ás Corbaceiras por San Roque.
En canto aos efectivos humanos da Policía Local, a previsión consiste en reforzar os servizos con respecto ao que é ordinario e que se organizarán ao longo das quendas de tarde e noite. Tamén se conta coa colaboración e os reforzos da Policía Nacional, con quen se estivo coordinando os operativos.
Por último, polas noites haberá tamén un reforzo do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, co obxectivo de retirar das rúas as toneladas de residuos que se xeran nos días de peñas.
Relacionadas:
-
Daniel Luque triunfa, Sebastián Castella aproveita o favor do tendido e Enrique Ponce decepciona
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha cadea humana e unha manifestación contra as touradas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Colas para o tendido de sombra
Por Oskar Viéitez |
-
Perera, Iván Fandiño, Daniel Luque, Ponce, Castella, Abellán ou 'El Juli', atractivos da Feira da Peregrina 2014
Por Alejandro Espiño |