Unha cadea humana e unha manifestación contra as touradas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A plataforma cidadá Touradas Fóra de Pontevedra presentou este xoves as actividades que formarán parte da denominada Semana Antitaurina. Trátase dunha serie de actos reivindicativos cos que buscan que se prohiba a celebración de corridas de touros na cidade, a única de Galicia que conserva unha praza de touros estable e onde, segundo este colectivo, cada vez hai "menos participación e interese polas touradas".
As corridas de touros mantéñense en Pontevedra "en base a subvencións e apoios políticos", pero non polo interese do público, segundo o voceiro desta plataforma, Anxo Torres. E para sustentar esta afirmación apunta que a venda de aboamentos está a ser menor do esperado e que a oferta para peñas xuvenís foi un "fracaso total", xa que aseguran que "ata a semana pasada" non se vendera ningún.
Esta circunstancia relaciónana, segundo Anxo Torres, a que as peñas de mozos que participan na festa "non teñen nada que ver coas touradas". Asegura que "alén do que pensemos da súa forma de celebrar", queda claro que as corridas de todos son unha "excusa" para pasalo ben e divertirse na rúa.
Un dos principais actos será a cadea humana que rodeará o coso de San Roque este sábado 2 de agosto ás 11.30 horas. Está organizada por terceiro ano consecutivo pola organización Igualdade Animal. Pola súa banda, o sábado 9 de agosto ás 20.00 horas a propia plataforma Touradas Fóra de Pontevedra convocou unha manifestación, apoiada xa por 40 colectivos, que partirá da praza da Peregrina e percorrerá varias rúas da cidade.
Ademais de presentar estes actos, o colectivo reitera o presidente da Deputación, Rafael Louzán, para que informe das subvencións que outorga á celebración das corridas de touros en Pontevedra, porque lamenta que ata agora non tivesen resposta ningunha máis alá de declaracións públicas con "argumentos absurdos".
Relacionadas:
-
Concorrida manifestación contra os festexos taurinos en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Valedor do Pobo admite a trámite a queixa dos 'antitaurinos' relativa ás subvencións da Deputación
Por Redacción |
-
Rodean a praza de touros cunha cadea humana para esixir a abolición da tauromaquia
Por Redacción |
-
Todo a punto para o inicio da feira taurina da Peregrina
Por Redacción |
-
Abolicionistas advirten do descenso de asistencia ás touradas en Pontevedra
Por Redacción |
-
Louzán: "Antes de prohibir os touros hai outra vía que é dialogar"
Por Oskar Viéitez |
-
Fóra Touradas de Pontevedra solicita á Deputación que informe sobre o financiamento público ás corridas
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que Pontevedra se declare cidade antitaurina e que se estude a expropiación do coso de San Roque
Por Alejandro Espiño |