O CES defende liberalizar a peaxe de Curro para fomentar o uso empresarial de Barro-Meis
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O Consello Económico e Social de Pontevedra (CES) reuniuse este martes no Concello para continuar abundando na situación económica da cidade. Entre os distintos e diversos temas abordados, destaca o acordo do CES de apoiar a proposta de Aempe de liberalizar a peaxe de Curro na autoestrada AP-9, para fomentar o uso empresarial do polígono Barro-Meis.
Segundo os empresarios, a peaxe é un elemento disuasorio para que as compañías se instalen neste polígono que está practicamente baleiro e está moi próximo á capital.
Na reunión tamén se expuxo a proposta de creación dun viveiro empresarial específico vinculado ao Campus Crea, que promove a Universidade de Vigo. Esta iniciativa de carácter emprendedor foi moi ben acollida polos membros do CES.
Dende o Concello informouse que outro dos temas abordados foi a situación das empresas Tafisa e Construcciones Crespo. Ao respecto da primeira, o CES lamentou a situación pola que está a pasar a compañía, pero dado que existen aínda posibilidades de que poida manter a produción, demandan ás administracións competentes que realicen todos os esforzos precisos para manter os postos de traballo e a actividade arredor de Tafisa.
Sobre Construcciones Crespo, o CES lamentou, neste caso, a desaparición da empresa e concluíu que está incluída dentro dun elevado número de pemes que se viron moi prexudicadas pola redución do investimento público por parte das administracións, así como a dificultade de achegarse ao crédito financeiro.
Outro punto abordado no encontro foi a sentenza do TSXG sobre a paga de produtividade pagada polo Concello de Pontevedra no ano 2012.
Segundo informan fontes municipais, dado que a posición inicial do CES foi a conveniencia de que as administracións compensaran dalgún xeito a eliminación daquela paga, especialmente no Concello de Pontevedra, dada a importancia que o sector comercial e servizos ten na súa economía local, e especialmente no Nadal; o Consello Económico e Social volveu a defender o abono daquela paga por parte do Concello, xa que a súa eliminación fora negativa para a economía local.
Estas mesmas fontes apuntaron que o CES tamén coñeceu a proposta da Universidade de Vigo de crear un Sistema de Información de Pontevedra (SIP) que se irá implantando progresivamente en tres fases. A partir do mes de setembro e até primeiros de ano, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo elaborará a estrutura deste observatorio determinando os obxectivos a acadar e cales son os medios e datos precisos para chegar a eses obxectivos.
O CES aprobou a primeira fase deste sistema, e na vindeira reunión coñecerán a primeira fase de traballo da Universidade.
Relacionadas:
-
15.000 euros para desenvolver unha análise da realidade socioeconómica de Pontevedra
Por Redacción |
-
UGT reclama unha axuda de 426 euros para 2.704 familias de Pontevedra sen ingresos
Por Redacción |
-
Así será o futuro viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis
Por Redacción |
-
Un 'observatorio' vixiará a situación económica de Pontevedra
Por Redacción |
-
1.100 familias do Concello de Pontevedra carecen de ingresos
Por Redacción |
-
CC.OO. ameaza con abandonar o Consello Económico Social se non se buscan medidas para frear o paro
Por Redacción |