CC.OO. ameaza con abandonar o Consello Económico Social se non se buscan medidas para frear o paro
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) espera que a reunión do Consello Económico e Social (CES) do Concello de Pontevedra prevista para o próximo martes 29 de abril ofreza un cambio de rumbo para afrontar a situación de desemprego que se rexistra no municipio. Pola contra, o representante sindical no CES, Antonio Millares, e o secretario comarcal, José Luis García Pedrosa, ameazaron con abandonar este órgano formado por partidos políticos, sindicatos, institucións e organismos empresariais.
Para este sindicato é necesario que o CES realice un estudo obxectivo sobre a situación económica e laboral do municipio para que despois se poida elaborar un plan de emprego que poida ofrecer opcións de traballo aos 8.666 parados que aparecen rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego.
CC.OO. denuncia que en Pontevedra existe un "monocultivo sectorial" que se recolle no sector servizos, onde se aglutina o 83% do emprego fronte ao 10% que asume o sector industrial. Ademais sinalan que durante o mes de marzo de 2014, dos 1836 contratos que se asinaron no municipio, o 90% son temporais dos que o 43% son contratos a tempo parcial e deses o 63% realízanse a mulleres.
Segundo expuxeron Millares e García Pedrosa, o ritmo de destrución de emprego case triplica o crecemento do paro e apuntan que este dato reflicte que boa parte dos cidadáns de Pontevedra xa non ven neste concello perspectivas laborais e buscan alternativas fóra ou simplemente deixan de intentar obter traballo.
Relacionadas:
-
O CES defende liberalizar a peaxe de Curro para fomentar o uso empresarial de Barro-Meis
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Un 'observatorio' vixiará a situación económica de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Consello Económico e Social busca fórmulas de creación de emprego e volverá a reunirse en abril
Por Redacción |